'Acelerador de Transferencia' abre o seu prazo para presentar novas propostas

'Acelerador de Transferencia' abre o seu prazo para presentar novas propostas

O obxectivo deste programa é facilitar a transferencia de resultados de investigación ao mercado

O programa ‘Acelerador de Transferencia’ da USC inicia unha nova edición á que xa se poden presentar propostas e cuxo obxectivo é facilitar a transferencia de resultados de investigación xerados polos grupos de investigación da USC ao mercado. 

Promovida pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), esta é unha iniciativa que busca avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia ao entorno social e económico.

Os proxectos de valorización están encamiñados á maduración de tecnoloxías (en especial protexidas mediante patente) a través de actividades de carácter demostrativo ou pre-competitivo que permitan reducir as incertezas sobre a viabilidade técnica da tecnoloxía. 

Un proxecto de valorización debe centrarse en levar a cabo as accións críticas imprescindibles para conseguir a implicación dunha empresa ou outro axente externo no proceso de desenvolvemento da tecnoloxía, e conseguir o seu traslado o mercado.

O Acelerador de Transferencia está aberto aos grupos de investigación de todas as áreas de coñecemento que teñan identificado algún resultado de investigación con potencial de transferencia. Serán susceptibles de recibir o apoio do Acelerador aquelas propostas que identifiquen claramente cal é a fenda existente entre o resultados de investigación e o mercado. 

Ademais deberán garantir un cambio de estado co desenvolvemento do proxecto e ter o compromiso dunha empresa para que, no caso de que os resultados obtidos neste programa sexan exitosos, continúe co proceso de desenvolvemento do produto e/ou comercialización.

Como novidade, nesta convocatoria tamén poderán beneficiarse aqueles proxectos que teñan como obxectivo avanzar no proceso de valorización de xeito que se obteña maior madurez na comprensión da súa potencialidade de transferencia. 

  1. Así poderanse apoiar propostas para levar a cabo informes de mercado, asesoramento regulatorio ou follas de ruta para o seu desenvolvemento, entre outras, que poidan facilitar a captación de fondos doutras convocatorias de valorización.

Os proxectos contarán dende o primeiro momento co asesoramento do persoal técnico de AVTE e o financiamento poderá chegar ata 40.000 euros por un período de entre 3 e 9 meses. O prazo para presentar solicitudes remata o 26 de outubro.

Comentarios