Denuncian a ineficacia de Noriega na posta en marcha de 'Smartiago'

Denuncian a ineficacia de Noriega na posta en marcha de 'Smartiago'

O Smartiago é un proxecto de 12 millóns de euros, incluído no marco do Programa Operativo de Crecemento intelixente (POCint)

O Grupo Municipal Popular volve a denunciar a total ineficacia do Goberno de Compostela Aberta cando se trata de facer os pregos de calquera asunto. Neste caso o equipo de Martiño Noriega non parece ser capar de sacar a diante o Smartiago, que conta cun orzamento de 12 millóns de euros e que significa a mellora dos servizos públicos de Santiago.

Este proxecto, incluído no marco do Programa Operativo de Crecemento intelixente (POCint), supón o punto de arranque a unha iniciativa impulsada no ano 2012, baixo o goberno do Partido Popular, que pretende a resolución e mellora da eficiencia nos servizos públicos de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mobilidade e iluminación pública no termo municipal, mediante a contratación pública de innovación.

A primeira fase do Smartiago ten un prazo de execución de 4 anos e xa levan esgotado un, so na contratación dunha oficina técnica, cuxa adxudicación quedou anulada no pasado mes de setembro.

A Xunta do Goberno Local (XGL) do pasado 18 de setembro anulou o procedemento, ante o recurso presentado por unha empresa ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGal), xa que este organismo entende que “a solvencia técnica impedía a concorrencia”. Así, o goberno de Martiño Noriega tamén debería explicar cales son os motivos que lle levan a limitar tanto a concorrencia, que fan que case ningunha empresa se poida presentar.

O Grupo Municipal Popular espera que ademais de arranxar os erros que indica o Tribunal no seu ditame, o Goberno de Compostela Aberta subsane as deficiencias que atopou a intervención municipal.

Os Populares subliñan que, neste momento, xa está demostrado que “Compostela Aberta e os pregos non se levan ven”, posto que en toda a lexislatura foron moitas as mostras da incompetencia do Grupo de Martiño Noriega para realizar este tipo de documentación.

Cabe lembrar que o pasado mes de decembro de 2017, o Concello de Santiago asinou o convenio co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e cun orzamento dun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020, para o desenvolvemento do Smartiago.

Antecedentes

Ao inicio deste proceso, o Grupo Popular xa advertía a Compostela Aberta que o prego non subsanaba as advertencias da intervención, no referente a cuestións como a conformidade ou elixibilidade do gasto, polo que poñía en perigo expedientes nos que se xestionan fondos comunitarios.

Os Populares remarcaban que os criterios de adxudicación en relación ás “características técnicas” non concretaban o que se entende por tales conceptos, introducindo un grao de indefinición que podería dificultar que a fase de selección do contratista se desenvolva coa transparencia e obxectividade que esixe a normativa contractual. O informe da intervención tamén explicaba a necesidade de aportar ou acreditar os cálculos realizados para determinar o prezo do servizo e a súa adecuación ao mercado.

O Grupo Municipal Popular insistiu sempre en que as eivas que se constatan no prego poderían trasladarse á adxudicación do servizo, algo que non é novo para o Goberno de Compostela Aberta, que xa ten tomado por costume poñer en marcha licitacións onde os pregos non son axeitados, como Escola Municipal de Música e Granxa do Xesto, por poñer dous exemplos.

Comentarios