Clausúrase a Exposición do XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas

Clausúrase a Exposición do XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas

Durante o acto, a artesá do encaixe Ana Rosa Lista, veciña de Ortoño, agasallou ao pobo amesá co escudo do concello de Ames feito en encaixe, que será colocado no Salón de Plenos da Casa do Concello

Este luns celebrouse a clausura da Exposición do XI Certame de artesanía Antonio Fraguas que, do 14 de setembro ao 1 de outubro, puido visitarse na sala de exposicións do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. 

Durante o acto, a artesá do encaixe Ana Rosa Lista, veciña de Ortoño, agasallou ao pobo amesá co escudo do concello de Ames feito en encaixe, que será colocado no Salón de Plenos da Casa do Concello. A exposición destacou pola gran variedade de disciplinas e modalidades, así como pola mestura de pezas máis arraigadas con novas creacións, incluso pezas a partir de refugallos.

Despois de dezasete días de exposición, este luns pola tarde clausurouse, na sala de exposicións do Pazo da Peregrina, a mostra das obras seleccionadas no XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas. Ó acto de clausura, ademais de veciños e veciñas de Ames, tamén asistiron o alcalde, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, e maila artesá de Ames, Ana Rosa Lista.

Durante o acto, a artesá, que estivo traballando na creación de novas obras no Pazo da Peregrina durante o tempo que durou a exposición, fíxolle entrega ao alcalde do escudo do concello de Ames feito en encaixe. A peza, que foi un agasallo para o pobo amesá, será colocada no Salón de Plenos da Casa do Concello, onde poderá verse exposta.

Asemade, Ana Rosa quixo destacar a sorpresa que lle despertou a reacción de moitos dos nenos e nenas que acudiron á exposición, que mostraron unha gran curiosidade e moita maña no palillado. Tanto foi así, que moitos dos cativos e cativas acercáronse varios días para mostrarlles a amigos e familiares a súa destreza palillando. Por iso, a amesá trasladou a idea de organizar algún obradoiro destinado aos nenos/as sobre o palillado.

Comentarios