Piden documentación ao Goberno municipal sobre o aeroporto da Lavacolla

Piden documentación ao Goberno municipal sobre o aeroporto da Lavacolla

O PSdeG do Concello de Santiago pide por escrito ao grupo de goberno unha serie de documentos para coñecer se realmente se están poñendo os medios para solventar os problemas que están afectando ao aeroporto

Con moita preocupación ve o grupo municipal socialista a situación do aeroporto Rosalía de Castro-Lavacolla e así o amosarou onte en rolda de prensa o seu voceiro, Paco Reyes.

Despois de perder varios voos que, segundo asegurou o edil, teñen unha especial importancia polo impacto no número de pasaxeiros nesta terminal e de conexións nacionais e internacionais, o PSdeG do Concello de Santiago pide por escrito ao grupo de goberno unha serie de documentos para coñecer se realmente se están poñendo os medios para solventar os problemas que están afectando ao aeroporto.

Tendo en conta que o aeroporto Rosalía de Castro-Lavacolla "cada vez ten menos capacidade e agora estamos a perder tamén con respecto a Alvedro", e co obxectivo de coñecer os pasos dados para mellorar a situación e os datos da terminal, os socialistas van presentar un escrito con catro peticións concretas.

A primeira, como explicou Reyes, é solicitar a copia que entende este grupo municipal que o goberno local ten enviado á Xunta de Galicia para inhstala a materializar o proceso de concesión de licenzas das lanzadeiras entre as cidades galegas e Lavacolla, como ten o aeroporto luso de Sá Carneiro. A este respecto, o voceiro lembrou que este punto foi levado a pleno a principios deste mandato e aprobado, cos votos a favor de Compsotela Aberta, e polo tanto, supón que foi remitido ao goberno galego hai tempo.

En segundo lugar, os socialistas queren ter acceso á acta da última reunión do Comité de Rutas, celebrado o pasado 31 de maio. Reyes manifestou que o único que ten trascendido é as declaracións dos responsables locais, e ante as dúbidas, o seu grupo quere consultar as actas e saber con exactitude o que se dixo nesa reunión.

Outro dos documentos que reclama o PSdeG é unha copia da solicitude do Concello a Aena para acadar unha reducción das taxas aeroportuarias en tempada baixa, como ten a terminal de Palma, extremo que tamén fora acordado.

Por último, en cuarto lugar, o grupo municipal socialista pide o calendario de posta en servizo das rutas directas quye o Comité ten asignado a Santiago, como son a Nantes, Montevideo, Bos Aires, Estocolmo ou Caracas.

Paco Reyes fundamentou esta solicitude do seu grupo en base aos datos que se veñen rexistrando nestes meses, cunha baixada de 10.000 pasaxeiros en verán e un acumulado positivo (5%) pero inferior ao incremento da Coruña (7%) e Sá Carneiro (11,5%), e á supresión de voos que os socialistas consideran fundamentais. Entre eles, o primeiro á T4 das 6.40 os mércores, xoves e domingos, que ademais de supor un problema para a xente que necesita chegar cedo a Madrid, racha coa posibilidade de realizar moitas conexións nacionais e internacionais. 

Como denunciou o concelleiro, isto é o contrario ao que fixo Alvedro, que mantendo os primeiros voos e retrasando dez minutos as conexións, incrementou o número de destinos en máis de cen á semana.

Algo similar acontece coas viaxes a Barcelona ou Londres, que teñen limitado e reducido os pasaxeiros da terminal compostelá.

RESPOSTA A AGUSTÍN HERNÁNDEZ

Por outra banda, Reyes quixo respostar ao voceiro do PP, Agustín Hernández, que lamentou que non se teña baixado a carga fiscal en Santiago. Para Reyes, estas bágoas son de "crocodilo" porque, como destacou, o Partido Popular tivo dúas oportunidades de apoiar iniciativas socialistas nesta dirección e non o fixo.

Unha, no primeiro pleno do mandato das ordenanzas no que o PSOE presentou unha batería de iniciativas de baixada que só acadaron o apoio popular na referida ao IBI. A segunda, no último pleno, no que o PP abstívosa á proposición socialista reclamando unha baixada fiscal.

"Hai que ser consecuente co criterio que un defende", dixo Paco Reyes. 

Comentarios