Coñecendo ao matemático Domingo Fontán

Coñecendo ao matemático Domingo Fontán

Valentín García participou onte na presentación de Domingo Fontán e a Carta geométrica de Galicia, un material creado grazas á colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias

Valentín García participou onte na mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) na presentación da unidade didáctica Domingo Fontán e a Carta geométrica de Galicia, xurdida da colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística; a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do CCG e a Real Academia Galega de Ciencias. Esta nova publicación busca achegarlles aos estudantes a figura e a obra do matemático a quen esta última institución nomeou “Científico galego 2018”, tras cumprírense en 2017 dous séculos do inicio dos traballos para a Carta geométrica, un mapa moderno e rigoroso do territorio galego que puxo a Galicia na vangarda da cartografía europea.

Valentín García considerou “que a miúdo tendemos a fixarnos nos aspectos máis negativos do noso pasado, pero é importante poñer en valor aquelas figuras que contribuíron ao progreso de Galicia e que a fixeron pioneira, é importante que aprendamos a valorarnos a nós mesmos: os nosos científicos, que apenas coñecemos; os nosos artistas; o noso pasado; a nosa cultura; a nosa lingua”.

O secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado na presentación por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Miguel Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega de Ciencias, e Elena Vázquez Cendón, unha das coordinadoras e autoras da unidade didáctica.

Unidade didáctica

Para facer a unidade didáctica Domingo Fontán e a Carta geométrica de Galicia, Elena Vázquez Cendón, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Xosé A. Fraga Barral, responsable do Álbum da ciencia do Consello da Cultura Galega, coordinaron un grupo integrado, ademais de por eles mesmos, por catro docentes: Margarita Barral (USC), Gonzalo Méndez (Universidade de Vigo), e os profesores de matemáticas no ensino secundario Víctor Pollán e Julio Rodríguez Taboada.

A unidade didáctica contén, ademais dunha introdución e unha ampla bibliografía, dúas partes. Na primeira, expositiva, repásase a “Vida e obra de Domingo Fontán”, insírese o seu traballo no dunha “das xeracións de científicos de maior proxección que operaron en Galicia” e preséntase “A Carta geométrica de Galicia de Domingo Fontán”. A segunda parte, contén “Actividades e problemas” e divídese á súa vez en “Parte histórica”, “Parte xeográfica” e “Problemas”, con 11 exercicios deseñados para traballar simultaneamente, de xeito interactivo, coa Carta, o programa GeoGebra (que permite inserir imaxes para operar con ángulos, triángulos etc.), Google Earth Pro e o visor SIXPAC.

Carta xeométrica de Galicia

A Carta geométrica de Galicia elaborada polo matemático Domingo Fontán (Porta do Conde, Portas, 1788 – Cuntis, 1866) foi un traballo sen precedentes en España, un fito na historia da cartografía peninsular que se converteu en símbolo para Galicia. Trátase do primeiro mapa científico e moderno da península Ibérica, por elaborarse mediante traballo de campo e medicións xeodésicas. O mapa de Fontán sería a base cartográfica para proxectos de ferrocarril e de estradas e fonte para a elaboración doutros mapas.

Comentarios