Aberto o prazo para inscribirse na actividade "Redescubrir o rural"

Aberto o prazo para inscribirse na actividade "Redescubrir o rural"
Aberto o prazo para inscribirse na actividade "Redescubrir o rural"

Co lema #SomosRurUrbanos quérense poñer en valor os recursos naturais da zona rural do Concello de Santiago de Compostela achegándoos a mozas e mozos

O Concello pon en marcha unha nova actividade dos orzamentos participativos de Mocidade, desta volta da man de All The Fat e 7H Cooperativa Cultural. A acción fio presentada pola edila de Mocidade, Noa Morales, acompañada de varios representantes das entidades organizadoras.

"Redescrubrir o rural" é un programa de creación artística na natureza que xorde como contrapunto aos movementos de expresión artística ligados ao espazo urbano, apostando polo ocio alternativo nas zonas tradicionalmente máis desfavorecidas. "Trátase", como indicou a edila de Mocidade Noa Morales, "de reequilibrar territorialmente Compostela dende o punto de vista da descentralización das actividades".

Co lema #SomosRurUrbanos quérense poñer en valor os recursos naturais da zona rural do Concello de Santiago de Compostela achegándoos a mozas e mozos. O programa de formación "Redescubrir o Rural" propón un laboratorio de Land Art no que dar a coñecer esta corrente artística para logo poñela en práctica na contorna natural de Compostela. Nunha última fase, crearase unha imaxe identificativa do contexto rururbano que a mocidade trasladará ao resto da cidadanía.

Búscase xerar intervencións naturais e artísticas no rural, senón tamén poñer en valor o seu singular contexto e a súa riqueza no espazo urbano, o que se fará a través dunha técnica tradicional como a cianotipia nun medio tan contemporáneo como a moda urbana.

Fases

Re/Descubrir o Rural está dirixido a mozas e mozas estudantes ou empadroadas en Santiago de Compostela con idades comprendidas entre os 16 aos 35 anos. A programación terá lugar nos centros socioculturais de Sar, A Rocha e O Romaño durante a segunda quincena de outubro e desenvolverase ao longo de tres fases.

A primeira será de introdución ao Land Art e de conceptualización da creación artística e desenvolverase o martes 16 e mércores 17 de outubro de 16.30 a 18.30 h no Centro Cívico de Sar, o xoves 18 de outubro de 16.30 a 20.30 h no Centro Cívico da Rocha e o martes 23 e xoves 25 de outubro de 18.30 a 20.30 h no Romaño.

A segunda fase consistirá na realización de varios roteiros de creación artística no rural a fin de semana do 20 e 21 de outubro. Está previsto o roteiro de Brañas de Sar, o do Banquete de Conxo e o do río Sarela, recentemente acondicionados para o goce da veciñanza.

A última fase é xa o laboratorio de creación artística, cunha sesión no Centro Cívico de Sar o sábado 27 de 10 a 15 horas e no Romaño o domingo 28 de 10 a 13 horas. 

Comentarios