Padrón acomete o proxecto de pavimentación da avenida de Pontecesures

Padrón acomete o proxecto de pavimentación da avenida de Pontecesures

O proxecto inclúe tamén a instalación dunha pasarela peonil sobre o regato Abelendas en Iria Flavia e a mellora dun camiño en Angueira de Suso (Cruces)

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o concelleiro de Obras, José Ramón Pardo, supervisaron onte os traballos de execución do proxecto de pavimentación da avenida de Pontecesures, que está a acometer a empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino e que supoñen un investimento superior aos 40.000 euros.

Esta actuación, que afecta a dous treitos da avenida de Pontecesures, contempla a reparación dos baches e a mellora da capa de rodaxe con aglomerado en quente, a limpeza de gabias para facilitar a drenaxe e a sinalización horizontal.

Por outra banda, dito proxecto inclúe tamén a instalación dunha pasarela peonil de madeira sobre o regato Abelendas en Iria Flavia para mellorar a seguridade vial. O alcalde, que visitou a zona acompañado por responsables da empresa adxudicataria, salientou que "esa pasarela evitará que os viandantes, moitos deles nenos que fan ese percorrido cada día, teñan que salvar o regato camiñando a carón da estrada nunha zona na que practicamente non hai arcén". Ademais, o rexedor local apuntou que o proxecto completarase coa mellora da capa de rodaxe dun camiño en Angueira de Suso (Cruces).

Limpeza de regatos

Na mesma zona do regato Abelendas, o alcalde supervisou tamén esta mañá os traballos de limpeza que, tralas xestións realizadas a comezos do mes de setembro, xa comezou a executar Augas de Galicia para evitar desbordamentos e inundacións. Estas tarefas de limpeza continuarán nos vindeiros na contorna do regato Cambelas.

Comentarios