CCOO denuncia que Proxecto Home utilice as persoas usuarias como «reféns» para presionar aos traballadores

CCOO denuncia que Proxecto Home utilice as persoas usuarias como «reféns» para presionar aos traballadores

A dirección desta fundación pechou os centros de Lugo e Pontevedra, obrigando o persoal a recolocarse en Santiago e Vigo, respectivamente, e derivando fóra de Galicia persoas usuarias

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia que a Fundación Monte do Gozo (Proxecto Home Galicia) utilice as persoas usuarias como «reféns» para presionar os seus propios traballadores e traballadoras. O sindicato explicarao con maior detalle hoxe xoves, día 4 de outubro, nunha conferencia de prensa que ofrecerá na súa sede nacional, en Santiago de Compostela.

Segundo CCOO, ante a crecente mobilización interna en defensa dos dereitos laborais, a dirección da fundación reaccionou pechando dous centros de traballo, causando un grave prexuízo tanto ao seu persoal como ás persoas usuarias.

Concretamente, Proxecto Home Galicia pechou na última semana os centros de Lugo e de Pontevedra, obrigando o persoal afectado a recolocarse en Santiago de Compostela ou Vigo —respectivamente— se pretende continuar coa relación laboral. Esta medida provocou que a fundación non poida atender o mesmo número de persoas usuarias, polo que xa as está a derivar a outros centros situados fóra de Galicia.

Para CCOO é «intolerable» que Proxecto Home se aproveite das persoas usuarias para «chantaxear» os seus propios traballadores e traballadoras, «persoal moi cualificado que realiza un labor social fundamental».

A Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home ten como obxectivo principal a atención a persoas con diferentes adiccións. En Galicia conta con dous centros en Santiago de Compostela, un na Coruña e outro en Vigo.

Comentarios