En Marea reclama que a Xunta prime o futuro dos traballadores de Povisa

En Marea reclama que a Xunta prime o futuro dos traballadores de Povisa

Eva Solla reuniuse este xoves cunha representación do persoal de Povisa para coñecer de primeira man os detalles da delicada situación que atravesa o centro hospitalario

En Marea reclama solucións que garantan o futuro de Povisa e da súa plantilla, e insta á Xunta a actuar de xeito transparente e a non ceder ás chantaxes dun holding empresarial que acumula beneficios millonarios. Tras reunirse coa plantilla do hospital vigués, Eva Solla denunciou a opacidade con que están a desenvolverse as negociacións entre a Consellaría de Sanidade e a empresa, e instou á administración galega a actuar con responsabilidade para garantir a viabilidade futura dun centro hospitalario esencial para a Cidade Olívica.

Eva Solla reuniuse este xoves cunha representación do persoal de Povisa para coñecer de primeira man os detalles da delicada situación que atravesa o centro hospitalario. Unha xuntanza ao remate da cal a deputada de En Marea denunciaba o feito de que Xunta e empresa estean a manter á plantilla absolutamente á marxe das negociacións abertas.

Para En Marea garantir a viabilidade futura deste hospital, así como as axeitadas condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras, debe ser o obxectivo prioritario. E é que, tal e como denuncia a deputada, Povisa forma parte dun holding empresarial que acumula beneficios anuais millonarios, polo que non resulta aceptable que se escude nas supostas perdas do hospital. 

A pesar das chantaxes que a empresa está a empregar para tentar sacar máis beneficios económicos da Xunta de Galicia, a deputada de En Marea lembra que no último exercicio este holding empresarial obtivo arredor de 63 millóns de euros de beneficio. Eva Solla explica ademais que, tras poñerse en contacto co Rexistro Mercantil, tense constatado que as contas que Povisa debía ter presentado xa no mes de xullo non teñen sido depositadas aínda no Rexistro Mercantil. 

Algo que a formación poñerá en coñecemento do Instituto de Contabilidade para que tome as medidas pertinentes. "Parece unha barbaridade que sen as conta sobre a mesa se estea tentando negociar coa Consellería a costa duns traballadores e traballadoras que levan co convenio conxelado dende 2010", indica a deputada.

Eva Solla denuncia ademais a situación dalgúns dos traballadores sanitarios de Povisa, contratados por outras empresas do grupo. E reclama o pagamento de todas as nóminas, así como o mantemento dun "servizo que é esencial, porque a Consellaría de Sanidade se encargou de que o Álvaro Cunqueiro tivese menos camas para seguir mantendo o negocio deste empresario". 

Comentarios