A Xunta da a razón a En Marea e non se instalarán dous depósitos de gas propano no centro de Boiro

A Xunta da a razón a En Marea e non se instalarán dous depósitos de gas propano no centro de Boiro

O coñecemento das intencións da empresa fixo saltar a alarma entre a poboación que consideraban incrible que se tentara situar estes depósitos nunha zona densamente poboada e concorrida

O grupo de En Marea parabeniza a decisión da Consellería de Industria de atender as demandas dos veciños e veciñas de Boiro, as mocións presentadas por Boiro Novo e as denuncias do grupo parlamentario e impedir a instalación de dous depósitos de Gas Proano en pleno centro urbano como pretendía a distribuidora de gas Nedgia Galicia, empresa do grupo Naturgi (antiga Gas Natural Fenosa).

O coñecemento das intencións da empresa fixo saltar a alarma entre a poboación que consideraban incrible que se tentara situar estes depósitos nunha zona densamente poboada e concorrida, ao situarse ao lado dun supermercado e numerosos negocios de restauración, unha instalación industrial potencialmente perigosa.

O deputado de En Marea, Francisco Casal, na súa intervención denunciou a “absoluta falla de sensibilidade antes as lóxicas preocupacións da veciñanza” por parte do Concello de Boiro que non respondeu ao requirimento da Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia para dar a súa autorización urbanística a mencionada instalación industrial, coa escusa de que non conta nestes momentos con técnicos cualificados no seu persoal para facer esa certificación. O Partido Popular en Boiro foi mais alá e reseitou unha moción de Boiro Novo que solicitaba o rexeitamento do proxecto.

Pola súa parte a Dirección Xeral de Enerxía e Minas afirmou que consideraría o silencio administrativo por parte do Concello como positivo a instalación, “cousa inaudita e inadmisible nunha instalación potencialmente perigosa como esta”.

Na comisión celebrada esta mañá no Parlamento de Galicia, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, anunciou o cambio de decisión da Consellería asegurando que non se permitirá a instalación no centro de Boiro e que se solicitará á empresa que remita un novo proxecto de instalación marcando unha situación distinta para estes depósitos.

Francisco Casal lembrou así mesmo que a finalidade da mencionada actuación de Naturgi é substituír o subministro existente en Boiro de Gas Propano (GLP) por Gas Natural, forzando a todos os actuais consumidores de GLP o seu traslado ao subministro con Gas Natural. A compañía subministradora non xustificaba de ningunha maneira no proxecto de instalación a necesidade técnica de que a instalación estea situada no centro da vila evidenciándose un mero interese de aforro de custos con respecto á situación máis lóxica como sería en terreos contiguos a actual instalación no polígono industrial de Espiñeira. 

“Un pequeno aforro de custos por parte da compañía subministradora, nun proxecto que fai polo seu propio interese, non xustifica poñer en risco a poboación e deteriorar de maneira moi importante as posibilidades de negocio de todos os establecementos comerciais e de hostalaría contiguos á localización proposta por Naturgi” afirmou o deputado de En Marea.

Así mesmo, desde En Marea consideran imprescindible que a Xunta de Galicia garanta os dereitos adquiridos polos usuarios e usuarias nos seus contratos de subministro de gas propano facendo que a autorización e outorgamento de licenza para acometer as obras de instalación de Gas Natural debería condicionarse en todo caso á necesidade de asegurar o subministro de gas propano aos veciños e veciñas afectados que así o desexen, e en todo caso garantir unha condicións de servicio e de prezo como mínimo similares as actuais para os que dexesen cambiar a Gas Natural.

O deputado de En Marea quixo felicitar así mesmo aos veciños e veciñas e os representantes de Boiro Novo pola súa mobilización en contra deste proxecto que evidencia unha vez máis, que a loita cidadá é quen de lograr parar os plans de empresas protexidas polo Goberno galego que atacan os intereses reais dos galegos e galegas.

Comentarios