A sede Afundación de Santiago presenta o ciclo de cinema "Voces rotas"

A sede Afundación de Santiago presenta o ciclo de cinema "Voces rotas"

A primeira proxección será a da película Verano 1993 na Sede Afundación de Santiago

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta o ciclo de cinema Voces rotas cunha programación formada por películas que profundan e dan visibilidade a diferentes problemáticas, como o racismo, as guerras ou o paro, e temas que afectan á sociedade na actualidade, como a inmigración, a relixión ou a adopción.

As películas Verano 1993, Ida, Mustang e Yo, Daniel Blake son as escollidas para formar parte do cartel deste ciclo que pasará pola sede de Afundación de Santiago de Compostela entre o 9 ao 3 de outubro..

A primeira proxección será a da película Verano 1993 na Sede Afundación de Santiago (rúa do Vilar, 19) o vindeiro 30 de outubro ás 20.00 h.

A entrada a todas as sesións deste ciclo é libre e gratuíta ata completar a capacidade.

OS FILMES

Verano 1993 (2017), a primeira longametraxe de Carla Simón, conta a historia de Frida, unha nena de seis anos dada en adopción tras a morte da súa nai a causa da sida. Afronta o primeiro verán da súa vida coa súa familia adoptiva, apartada de todo aquilo que coñecía. Nunha nova contorna rural debe adaptarse á súa nova vida e ás novas persoas que a acompañan. Poderase ver o 30 de outubro en Santiago.

Ida (2013), de Pawel Pawlikowski, ambientada en Polonia nos anos 60. Anna, unha rapaza orfa a punto facerse monxa, descobre un familiar, unha tía, que lle desvela a súa verdadeira identidade: o seu nome real é Ida Lebenstein, é xudía e a súa familia foi asasinada polo réxime nazi. Proxectarase o 9 de outubro en Santiago.

Mustang (2015), a primeira longametraxe de Deniz Gamze Ergüven. Tras un inocente xogo na praia xunto aos seus compañeiros de clase ao comezo do verán, a vida de cinco irmás orfas dunha pequena vila turca cambia radicalmente. A avoa e o tío deciden tomar medidas para garantir a virxindade das mozas e empuxalas ao matrimonio. Poderase ver o 23 de outubro en Santiago.

Yo, Daniel Blake (2016), de Ken Loach, relata a historia de Daniel Blake, un carpinteiro inglés con problemas cardíacos que por primeira vez na súa vida vese na obriga de deixar de traballar. Pero a administración sanciónao se non busca un emprego. Durante a súa procura coñece a Katie, unha muller solteira con dous fillos. Xuntos tentarán axudarse mutuamente. Proxectarase o 16 de outubro en Santiago.


Comentarios