Máis de 5,6 millóns de euros para a construcción da pasarela peonil da intermodal da cidade

Máis de 5,6 millóns de euros para a construcción da pasarela peonil da intermodal da cidade

Trátase dunha estrutura cuberta con lucernarios e fachadas translucidas, duns 5 metros de altura e un ancho que varia entre os 8 e 12 metros, e unha lonxitude de beiravías que vai dende os 8 aos 12 e 16 metros

O Consello da Xunta autorizou onte a contratación da obra da pasarela peonil que conectará as terminais de ferrocarril e autobús na estación intermodal de Santiago, cun orzamento de preto de 5,6 millóns de euros, dos cales o Goberno galego achegará preto de 1,7 millóns de euros.

Deste xeito o Executivo autonómico está a apostar con determinación pola intermodalidade en Galicia, a través do deseño de infraestruturas funcionais, eficientes e estéticas que permitan un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte.

Mediante este acordo o Goberno galego habilita a Consellería de Infraestruturas e Vivenda para licitar de forma inmediata as obras de construción da pasarela, que se acompasarán aos traballos xa en marcha de execución da nova estación de autobuses, na que a Xunta inviste 10,4 millóns de euros.

Ambos elementos, a nova estación de autobuses e a pasarela de interconexión entre termiais conforman a primeira fase da estación intermodal de Santiago. Co cofinanciamento das obras da pasarela a achega da Xunta á intermodal de Santiago superará os 12 millóns de euros, contribuíndo a desenvolver todo o potencial que suporá a chegada do AVE a Galicia, e estender os seus beneficios máis alá das grandes cidades, xa que os cidadáns que cheguen a Compostela en autobús terán un acceso moito máis áxil e cómodo ao ferrocarril.

Coa licitación das obras de construción da pasarela de conexión urbana da estación intermodal de Santiago, o Goberno galego da cumprimento ao convenio asinado o pasado 28 de maio, que recolle que o departamento de Infraestruturas da Xunta executará e financiará cun 30% o custo da nova pasarela, o mesmo que Concello de Santiago, que asumirá ao seu remate a súa conservación. E a entidade pública Adif redactou o proxecto e financiará o 40% das obras.

Unha vez licitada a pasarela, o Goberno galego axilizará a súa contratación e posterior execución, co obxectivo de poder compaxinar o remate das dúas intervencións para que a terminal de autobuses inicie a súa explotación integrada na estación intermodal.

A NOVA PASARELA

Ademais de facilitar a intermodalidade entre os modos de transporte, a pasarela, que irá desde a rúa do Hórreo ata Clara Campoamor, achegará dous barrios da cidade historicamnte separados polas vías do tren, o Ensanche e Pontepedriña. 

Nesta intervención distínguense 3 zonas representativas, unha, cara á cidade, outra, que é zona central sobre vías e beiravías, nos que a construción estará condicionada polo funcionamento da estación de ferrocarril, e unha terceira zona da estación de autobuses.

Todas as actuacións a desenvolver teñen como obxecto a integración da contorna urbana e a procura da harmonía no seu entorno. Isto afecta o proxecto da pasarela e ao acondicionamento da praza Clara Campoamor por un lado, e a obra da estación de autobuses que xa está executando a Xunta de Galicia e os accesos dende a Avenida Clara Campoamor, cuxo proxecto é competencia do Concello.

A execución da pasarela peonil urbana que conectará a estación de ferrocarril coa nova estación de autobuses servirá para a mellora da conexión entre dúas zonas da cidade de Santiago separadas pola infraestrutura ferroviaria, garantindo o tránsito dos usuarios entre a rúa Clara Campoamor e a estación de ferrocarril.

A estrutura da pasarela está formada por dúas partes diferenciadas, a plataforma de formigón e estrutura metálica porticada, dependendo dos usos e da zona sobre a que se sitúe. Terá un ancho que varia entre os 8 e 12 metros, unha altura media de 5 metros e unha lonxitude de vanos que vai dende os 8, aos 12 e 16 metros ademais a pasarela executarase cunha cuberta con lucernarios e fachadas cun deseño translucido.

Na segunda fase do proxecto, o Ministerio de Fomento completará a reforma da estación de ferrocarril, chegando o investimento total previsto a máis de 41 millóns de euros.

Comentarios