Esixen unha baixada nas tarifas das actividades dos centros socioculturais pola súa "deficiente xestión"

Esixen unha baixada nas tarifas das actividades dos centros socioculturais pola súa "deficiente xestión"
Esixen unha baixada nas tarifas das actividades dos centros socioculturais pola súa "deficiente xestión"

O cambio de horario nos centros sen avisar previamente a usuarios e entidades veciñais é outra reclamación do grupo socialista, que tamén cre que se está a producir un incumprimento dos pregos

Unha baixada de tarifas para todos os colectivos que utilizan os centros socioculturais do Concello. É o mínimo que reclama o grupo municipal socialista polos moitos problemas xerados na xestión dos mesmos, e dun xeito específico nos últimos meses por parte da empresa encargada da prestación deste servizo, Ferrovial.

O voceiro socialista, Paco Reyes, denunciaba onte outras situacións e mesmo, nalgúns casos, presuntas ireegularidades, das que o seu grupo tivo constancia, como o cambio na apertura e peche dos centros sen avisar previamente a usuarios e asociacións veciñais, a non reposición de persoal que leva a deixar durante horas aos centros sen servizo, ou sobre a programación.

Precisamente o concelleiro comezou cunha profunda crítica, repartida "a medias" para o grupo de goberno e a empresa, polo que está a acontecer coa programación dos centros socioculturais. A este respecto, reyes afirmou que o seu grupo ten constancia de que Ferrovial solicitou a programación aos traballadores destes centros a principios de xullos e que esta foi entregada a finais dese mesmo mes.

"Polo tanto, non hai excusa para que non estivera presentada o 1 de setembro e para que exista este retraso, que está a ter moitas consecuencias negativas na prestación do servizo", dixo Reyes, que engadiu que "calquera excusá é simplemente mentira".

O voceiro insistiu nos problemas existentes co persoal que, como subliñou, non se está a substituir por parte da empresa. "Isto leva a que, por exemplo, a aula de informática de Vite ten que pechar dúas horas porque a persoa que se encarga da mesma ten que ir a outro centro, neste caso a Vista Alegre", informou Reyes.

O cambio de horario nos centros sen avisar previamente a usuarios e entidades veciñais é outra reclamación do grupo socialista, que tamén cre que se está a producir un incumprimento dos pregos, xa que aínda non se puxo en marcha o sistema informático ao que se comprometera Ferrovial e iso leva a que o Concello tivera que deixar unha conta para facer as inscripcións nas actividades.

O grupo socialista, por unha banda, quere saber o número de queixas presentadas dende abril e, nomeadamente, dende xuño -mes no que empezou Ferrovial- e, por outra, reclama a Compostela Aberta que compense a todos os colectivos que utilizan estas instalacións municipais cunha baixada nas tarifas. "É o mínimo que pode facer para compensar esa deficiente prestacíón do servizo", apuntou o edil do PSdeG. 

Comentarios