Preocupación polo terceiro concurso de explotación do Monte do Gozo

Preocupación polo terceiro concurso de explotación do Monte do Gozo

Os concursos previos foron declarados desertos

O portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, preguntoulle onte á Xunta pola situación da explotación do Monte do Gozo, que afronta o terceiro concurso logo de que os dous anteriores quedaran desertos. O responsable socialista reclamoulle ao goberno que explique que garantías ten para que o terceiro concurso non quede tamén deserto.

O responsable socialista lamentou que dende o rescate da concesión, no verán de 2015, o goberno galego teña sido “incapaz de conseguir que alguén se faga cargo da xestión do complexo”. Advertiu que “agardamos que non teñan que ir a un cuarto concurso, e que o Monte do Gozo volva funcionar como merece”.

Pérez Seco lembrou que os dous concursos previos foron declarados desertos porque as esixencias resultaban “excesivas, e ninguén conseguía reunir as condicións dun complexo que comezou a funcionar en 1993 como centro de acollida de peregrinos”. No segundo concurso tamén quedou deserto “porque as empresas seguían sen ver rendibilidade, sobre todo despois da apertura do complexo de piscinas e outros servizos en 2017”.

Na actualidade, sinalou, hai en marcha un terceiro concurso convocado pola Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, con importantes cambios nos pregos, duplicando a concesión de 10 a 20 anos, a condonación do canon anual de 70.000 euros durante os dous primeiros exercicios.

Comentarios