A Valedora do Pobo actúa nos ataques homófobos rexistrados en A Laracha e Vigo

A Valedora do Pobo actúa nos ataques homófobos rexistrados en A Laracha e Vigo
A Valedora do Pobo actúa nos ataques homófobos rexistrados en A Laracha e Vigo

A valedora do pobo iniciou onte unha queixa de oficio para coñecer e instar á investigación dos actos homófobos rexistrados contra un hostaleiro en A Laracha con carácter reiterado nos últimos días

A institución do Valedor do Pobo abriu unha queixa de oficio para coñecer os detalles dos ataques homófobos rexistrados contra un hostaleiro de Paiosaco en A Laracha nas últimas horas. Tamén abriu a queixa achegada á institución por unha persoa que denunciou agresións por parte de dous vixilantes no Centro Comercial A Laxe de Vigo pola súa orientación sexual.

A valedora do pobo iniciou onte unha queixa de oficio para coñecer e instar á investigación dos actos homófobos rexistrados contra un hostaleiro en A Laracha con carácter reiterado nos últimos días. A persoa afectada foi insultada por medio de pintadas aparecidas na fachada do seu establecemento e na casa familiar que se atopa ao carón do mesmo. Estas pintadas aluden á súa orientación sexual. 

Para a institución trátase dun “ataque absolutamente inxustificado na súa intimidade persoal e de danos materiais no seu local e vivenda”, polo que insta ao Concello de A Laracha a “poñer todos os medios para esclarecer a autoría dos feitos e determinar, no seu caso, a natureza desa acción sancionable”.

A institución, por outra banda, tamén pedirá informe á xerencia do Centro Comercial A Laxe de Vigo polos feitos denunciados ante a oficina por unha persoa que asegurou ser vítima de trato discriminatorio por parte de dous gardas de vixilancia do centro o pasado verán. O reclamante denuncia a actuación e trato recibido por vixiantes de seguridade dese espazo comercial, dado que o increparon e insultaron cando se atopaba nos aseos.

O interesado afirma no seu escrito achegado á oficina do Valedor do Pobo que se exerceu violencia física e psicolóxica conra el, que recibiu insultos, ameazas e coaccións e foi retido contra a súa voontade. Segundo relatou, as razóns deste trato vexatorio derivan da súa orientación sexual, constituíndo os feitos relatados un atentado á súa persoa de carácter “homófobo”.

Nestes dous casos, a intervención da valedoría estriba na necesaria defensa das persoas afectadas, instando as actuacións que correspondan para sancionar as accións ou omisións que poidan ser constitutivas de infracción administrativa en materia de igualdade de trato e non discriminación.

Nos supostos mencionados trátase de coñecer en detalle os feitos sinalados e, no caso de se confirmar, solicitar a adopción de medidas por parte das autoridades responsables, públicas ou privadas, para evitar que se reproduzan actos deste tipo que poden supor unha “clara violación dos dereitos fundamentais por motivos homófobos inaceptables na nosa sociedade”.

Comentarios