Leiceaga critica a xestión "moi pouco consistente e extremadamente pobre" do Goberno de Feijóo

Leiceaga critica a xestión "moi pouco consistente e extremadamente pobre" do Goberno de Feijóo

Xoaquín Fernández Leiceaga afronta o debate do Estado da Autonomía reclamando medidas eficaces en demografía, economía e emprego e reforzo dos servizos públicos

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe a xestión de Feijóo, tanto nos 9 anos á fronte da Xunta como sinaladamente no último ano, que considera “moi pouco consistente e extremadamente pobre”. O responsable socialista realizou balance da acción do goberno no último ano e presentou as liñas xerais da súa intervención no Debate do Estado da Autonomía da próxima semana.

Fernández Leiceaga criticou que o presidente da Xunta leve nove anos “surfeando os problemas sociais” en lugar de “confrontalos con vontade reformista” e tomar a iniciativa para xerar unha sociedade “máis moderna e inclusiva”. Preguntou se “alguén é capaz de definir algún asunto central que teña afrontado o goberno galego para mellorar a calidade de vida dos galegos e das galegas”.

O goberno galego non foi quen de demostrara unha capacidade de xestión suficiente para implementar os fondos de emprego ou mellorar os servizos públicos, nunha década baleira tamén á hora de afrontar avances do autogoberno. Lembrou que ata o momento non houbo ningunha transferencia dende o goberno que presidiu Rajoy ao de Feijóo.

Sinalou ademais á recente reforma do goberno galego como toda unha “declaración de intencións” de cara ao futuro, en clave de intereses “puramente partidarios”. Reduciu a crise do goberno na intención de despexar a carreira electoral dos candidatos en A Coruña e Ferrol, e na continuidade, renunciando a afrontar os “problemas serios” da sanidade pública, a xestión dos fondos de emprego ou a política industrial.

O portavoz socialista cualificou o cambio de consellerías nun “xogo de vasos para que todo siga igual” agás o caso de Medio Rural, condicionado pola aprobación do ditame da Comisión do Plan Forestal. Polo demais, sinalou, Feijóo aumenta o control sobre o seu propio goberno para pechar o “control directo” da Xunta, suprimindo a oposición interna e preparando o escenario para a súa intención confesa de repetir como candidato en 2020.

Cambios de fondo

Os socialista galegos reclaman “cambios de fondo e proxecto” no goberno de Galicia para reverter a caída demográfica, modernizar a economía e garantir emprego de calidade e reforzar os servizos públicos. Fernández Leiceaga lamentou hoxe que “o que pasa na economía galega non ten nada que ver co que fai a Xunta”.

Sinalou que as exportacións dependen de Inditex e do sector da automoción de Vigo, mentres a Xunta renuncia a impulsar o I+D+i, e consolida ao Igape como un instrumento falido, cuns orzamentos reducidos a unha terceira parte e “incapaz de executalo”. Nin sequera é posible realizar un balance positivo nas infraestruturas de Galicia, cando o goberno deixou en apenas 280 os 3.400 millóns de euros que comprometera no Plan Move de 2010.

En materia de emprego, dixo, tan só mantendo a Galicia na media de creación de emprego estatal hoxe estariamos, con 90.000 empregos máis, cunha taxa de desemprego do 7 por cento, preto do pleno emprego. Mentres, os servizos básicos dan síntomas de seria preocupación logo de dez anos padecendo recortes, privatización e precariedade laboral.

Colaboración e corresponsabilidade

Leiceaga instou ao presidente da Xunta a aproveitar o novo talante do goberno de Pedro Sánchez e a sensibilidade amosada co autogoberno e a boa disposición coas demandas de Galicia para practicar unha senda de “colaboración leal e corresponsabilidade”. Advertiu que esta estratexia terá consecuencias positivos para a cidadanía galega, fronte á tentación de “utilizar á Xunta coma unha arma para disparar contra o goberno central”.

O portavoz socialista reiterou hoxe a posición do PSdeG, favorable á transferencia da AP-9 a Galicia, “o mellor que lle pode ocorrer” á infraestrutura, e sinalou a resposta do goberno de Sánchez, que ao contrario que Rajoy, desbloqueou o debate das dúas proposicións de Lei presentadas polo Parlamento de Galicia para reivindicar a titularidade desa estrada.

Logo de levantar o veto que mantiña o PP, dixo, o debate corresponde ao Congreso dos Deputados, onde “a posición do PP é decisiva” con 137 deputados, polo que preguntoulle a Feijóo co seu grupo parlamentario en Madrid. De contar coa postura favorable do PP, dixo, a transferencia está “garantida”, e sinalou que hai argumentos suficientes para cambiar o “quizás” de Fomento ao “si”.

Aludiu tamén á necesidade de que o goberno teña tempo para “atopar terreo xuridicamente firme para levar a bo porto a reclamación do Pazo de Meirás”, unha situación “complexa” na que están condicionados polo informe previo do goberno de Rajoy subliñando a falla de base xurídica para reclamar a titularidade do inmoble.

Comentarios