Solicitan a inmediata mellora das instalacións da dársena de autobuses e do aparcadoiro público de Xoán XXIII

Solicitan a inmediata mellora das instalacións da dársena de autobuses e do aparcadoiro público de Xoán XXIII

Os Populares consideran imprescindible que, entre outras actuacións, se inclúa a renovación dos firmes; a renovación da pintura; a eficiencia enerxética na iluminación xeral das instalacións; e a regularización da concesión da cafetería coa mellora dos baños públicos vinculados a ella

O Grupo Municipal Popular considera “inaceptable” a situación actual que mantén o Goberno de Martiño Noriega no aparcamento e da dársena da avenida Xoán XXIII, que ofrece a “peor das imaxes”, tanto para os veciños como para os turistas que teñen neste punto a primeira visión da nosa cidade, sobre todo tendo en conta que o Xacobeo 2021 xa está á volta da esquina.

Por isto, o equipo que dirixe Agustín Hernández proporá no vindeiro Pleno deste mes que promova un plan para acometer, canto antes, unha mellora e adaptación das instalacións da dársena de autobuses e do aparcadoiro público de Xoán XXIII.

Os Populares consideran imprescindible que, entre outras actuacións, se inclúa a renovación dos firmes; a adecuación dalgunhas prazas a un ancho maior, o lucimento dos paramentos e a renovación da pintura. Así mesmo, tamén debería mellorarse a eficiencia enerxética na iluminación xeral das instalacións; o acondicionamento e mellora estética do acceso peonil desde a dársena de autobuses ata as proximidades da avenida e da igrexa de San Francisco; e a regularización da concesión da cafetería coa mellora dos baños públicos vinculados a ela.

Por outra banda, tamén se debería incorporar unha sinalización intelixente que facilite a información, mediante luces e paneis nos distintos niveis, das prazas dispoñibles para ofrecer un servizo máis cómodo, sostible e eficiente.

Desde que o grupo de Compostela Aberta iniciou o seu mandato, case todos os servizos da cidade están a sufrir un grave deterioro, deixando para veciños e turistas, unha imaxe da capital de Galicia difícil de entender e que só a contemplación do maxistral arte de Santiago pode alonxar das retinas o lamentable espectáculo que, por culpa deste Goberno, está a ofrecer a nosa cidade.

Por todo isto, o Grupo Municipal do Partido Popular presentará unha proposición ao Pleno co fin de que Compostela Aberta se poña a traballar neste sentido, aínda que xa leve perdidos tres anos.

Estas dúas instalacións foron obxecto das imprescindibles tarefas de mantemento ao longo do tempo. A última e máis importante mellora realizada foi a referida ao sistema de control de acceso e pagamento ou a incorporación doutros elementos novidosos ao longo do tempo, como o arrancador de baterías, un servizo gratuíto proposto polo Grupo Popular.

Múltiples deficencias

O Grupo Popular considera que son moitas as deficiencias que se deberían abordar, entre elas as referidas a mellora da sinalización no exterior e no interior (multilingüe); pintura de estruturas metálicas, paredes e solos; adaptación da iluminación con tecnoloxía led e criterios de eficacia e eficiencia (especialmente nas dársenas, onde aínda se manteñen focos de gran consumo); a mellora do axardinamento do contorno; a reparación e reposición de pavimentos; a recuperación ou retirada de elementos sen utilidade como o aparcamento exterior de bicicletas; a mellora do mobiliario urbano, a limpeza de pintadas.

Mención especial merecen tres cuestións: o acondicionamento como zona verde do acceso peonil que enlaza a dársena coas escaleiras próximas á avenida e a igrexa de San Francisco, onde acostuman pernoitar persoas que deixan alí as súas pertenzas (procurándolle unha alternativa); en segundo lugar, a obriga de regularizar a concesión da cafetería –que leva aparellada o coidado dos baños públicos, onde tamén se precisa unha actuación a fondo para recuperar e poñer ao día o seu equipamento-; e, en terceiro lugar, a incorporación dunha mellora tecnolóxica que hai noutros aparcadoiros, como é a sinalización de prazas vacantes mediante luminarias e paneis informativos no acceso ás distintas plantas, que facilitarían a información aos usuarios, evitando así os desprazamentos innecesarios, ao tempo que se reduce a contaminación e consumo dos vehículos.

O espazo público que ocupan a dársena e o aparcamento público da Avenida Xoán XXIII conforma un ámbito de singular importancia ao estar nunha das zonas de maior tránsito para acceder ao centro histórico da nosa cidade. O acceso foi aberto cara aos anos 60 do pasado século, aínda que a súa reordenación levouse a cabo nos primeiros anos da década dos 90, incluíndo –ademais da longa marquesiña de aceiro e cristal- a dársena e o aparcamento público, que veñen sendo xestionadas polo Concello, a través da empresa pública Tussa.

Vanse cumprir, polo tanto, 25 anos desde a posta en servizo desta zona, un período longo no que o seu uso e desgaste se foron facendo evidentes. Para decatarse da importancia da dársena e do aparcamento so hai que citar os números: na dársena existen 16 prazas para subir e baixar pasaxeiros que se estima que poden chegar a ser utilizadas por uns 14.000 autobuses/ano que transportarían a unhas 700.000 persoas/ano1.

No aparcamento público contabilízanse arredor de 500 prazas que xeran un movemento de vehículos en rotación que se sitúa por riba dos 130.000 ao ano, a pesar do descenso rexistrado cos cambios na circulación introducidos hai dous anos. Son, polo tanto, unhas instalacións cun elevado nivel de usuarios o que se traduce nuns ingresos próximos aos 600.000 euros anuais, equivalente a algo máis do 40% do orzamento total de Tussa, cifrado para o ano 2018 en 1,4 M de euros.

Comentarios
Lo más