A Biblioteca Ánxel Casal un ano máis na Praza de Abastos

A Biblioteca Ánxel Casal un ano máis na Praza de Abastos

A guía editada con motivo desta actividade ofrece, ademais, unhas suxestións para a "lista da compra" na próxima visita que faga o lector á biblioteca

Baixo o título "Bibliomercado: a Biblioteca ao teu servizo", a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal estará presente un ano máis no Mercado de Abastos de Santiago. Nesta ocasión, o posto de atención ao público permanecerá aberto todos os sábados do mes de outubro en horario de 8.30 a 13.45 h.

As persoas que se acheguen para facer as súas compras nesta emblemática Praza de Abastos poderán coñecer a colección da Biblioteca a través dunha pequena representación dos seus fondos, constituída por libros, revistas e audiovisuais. 

Os asistentes terán a oportunidade de consultar estes materiais e obter información sobre os seus servizos: actividades culturais (contacontos, monicreques, concertos...), clubs de lectura, "biblioteca accesible", consulta de Internet, préstamo de portátiles, de e-readers, de tabletas, etc.

No propio posto se facilitarán os trámites para facerse socio ou socia (impresos, realización de fotografías tamaño carné no acto...) e os novos lectores deberán achegarse á nosa biblioteca para recoller a súa tarxeta.

A guía editada con motivo desta actividade ofrece, ademais, unhas suxestións para a "lista da compra" na próxima visita que faga o lector á biblioteca e un cadro cos servizos comúns que ofrecen o mercado e a biblioteca.

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal expresa un ano máis o agradecemento á Xerencia do Mercado de Abastos pola súa colaboración coa Biblioteca na difusión dos seus servizos entre os cidadáns de Santiago de Compostela.

Comentarios