O programa Argos busca novos equipos emprendedores

O programa Argos busca novos equipos emprendedores

A inscrición pode formalizarse ata o 19 de novembro

Traballo en equipo e ‘aprender facendo’ son as claves do programa Argos da USC, que mantén aberta ata o 19 de novembro a inscrición para alumnado de posgrao, mestrado, doutoramento ou últimos anos de grao, titulados das últimas promocións e persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación.

Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderán ser a base do plan de empresa. O obxectivo é conformar equipos interdisciplinares aos que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente.

Esta nova edición do programa comeza a última semana de novembro con entrevistas aos participantes, seguida da constitución dos equipos multidisciplinares con 4 ou 5 integrantes que, finalmente, desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal de Argos para presentalo ante un xurado. Haberá tamén unha sesión de adestramento en exterior (outdoor training) e de traballo en equipo.

Premios

Ao remate do programa os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.

Argos é unha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.

Comentarios