O CIAC abordará a limpeza do fogar e un roteiro polas Brañas do Sar

O CIAC abordará a limpeza do fogar e un roteiro polas Brañas do Sar

Dentro da programación do CIAC para este mes destaca un Obradoiro de limpeza do fogar sen produtos tóxicos, que se vai celebrar o sábado 13 de outubro, a partir das 12.00 horas

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela deseñou unha programación para este mes de outubro coa que quere facernos reflexionar sobre o estado das nosas aldeas e cidades, e sobre o impacto que os nosos feitos cotiáns teñen no medio ambiente. 

Dentro da programación do CIAC para este mes destaca un Obradoiro de limpeza do fogar sen produtos tóxicos, que se vai celebrar o sábado 13 de outubro, a partir das 12.00 horas. Nel reflexionarase sobre os moitos produtos que utilizamos para limpar a casa, como o xabón da louza, o deterxente da lavadora, os produtos específicos para o solo, os limpacristais... 

Trátase de coñecer se realmente son necesarios, e de explicar cales son as implicacións que ten o seu uso no medio ambiente. No obradoiro tamén se dará conta de receitas para elaborar produtos de limpeza con ingredientes naturais.

Xa para o sábado 20 de outubro está prevista a celebración dun roteiro interpretativo polas Brañas de Sar, para descubrir o seu valor ecolóxico e os seus usos tradicionais. Neste caso, a actividade está dirixida a todos os públicos, pero no caso dos nenos e nenas recoméndase que teñan máis de sete anos. 

Comentarios