Preséntase a “Carta para o deseño de novos desenvolvementos urbanos” no Ateneo de Santiago

Preséntase a “Carta para o deseño de novos desenvolvementos urbanos” no Ateneo de Santiago

A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo dispoñible

O vindeiro 10 de outubro terá lugar a presentación da “Carta para o deseño de novos desenvolvementos urbanos”, ás 19.00 horas na Rúa do Vilar, 19.

No acto, organizado polo Ateneo de Santiago e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, coa colaboración de Afundación, participarán Salvador Rueda Palenzuela, Director da Agencia de Ecología Urbana de Barcelona; Ángel Panero, Arquitecto, no nome do Ateneo de Santiago; e Elvira Carregado, Vocal da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo dispoñible.

A análise dos grandes problemas que hoxe en día sufren os sistemas urbanos levou ás institucións, de escala continental e planetaria coas Nacións Unidas á fronte, a reunirse en diversas ocasións dende os anos 70, para buscar solucións. 

A última foi en Quito no ano 2016, onde se aprobou a Axenda Urbana. Pero aínda que a intención era boa, os resultados obtidos ata agora non parecen ser os esperados. 

Quizais unha das moitas razóns sexa a ausencia dun marco teórico consensuado que canalice de maneira intencionada os instrumentos de carácter técnico e tecnolóxico, normativo, económico-financeiro, organizativo-institucional e educativo, que teñen que acadar os obxectivos e os principios do marco teórico de referencia para realidades ambientais, económicas e sociais distintas. 

Esta Carta pretende servir de guía para o deseño de novos desenvolvementos urbanos e a rexeneración dos existentes, dando resposta aos retos actuais que están relacionados coa sostenibilidade na era da información e o coñecemento.

Comentarios