Esixirán no vindeiro pleno a mellora de accesibilidade e mantemento da Ruela de Conxo

Esixirán no vindeiro pleno a mellora de accesibilidade e mantemento da Ruela de Conxo

O pasado venres, o concelleiro Gonzalo Muíños visitaba a Ruela de Conxo de Arriba para poñer, de novo, enriba da mesa a necesidade de actuar nesta zona

O grupo municipal socialista presentará ao pleno do xoves 18 unha moción reclamando unha serie de actuacións en Ruela de Conxo de Arriba, unha zona dunhas dez vivendas que quedou case aillada despois das obras do túnel de Conxo e que conta cun problema fundamental: un camiño de acceso ao centro hospitalario, o centro sociocultural ou o supermercado nun estado case inaccesible e intransitable.

Esta actuación, á que se engaden outras como a limpeza da maleza da zona e a recuperación do lavadoiro que se ubica nas proximidades, xa fora denunciada polo grupo socialista nas correspondentes comisións de queixas e suxestións e a través dos medios de comunicación, sen que ata o momento se teña recibido resposta ningunha.

O pasado venres, o concelleiro Gonzalo Muíños visitaba a Ruela de Conxo de Arriba para poñer, de novo, enriba da mesa a necesidade de actuar nesta zona, na que, ademais, residen persoas maiores con problemas de mobilidade. 

Nomeadamente, as intervencións que se precisan son a urbanización do camiño de acceso que atravesa este núcleo formado por arredor dunhas dez vivendas e que o comunica con servizos tales como o centro hospitalario, os establecementos de alimentación ou o centro sociocultural -unha das veciñas, maior e con mobilidade reducida asegurou que agora ten que saír unha hora antes de casa para ir ao médico porque ten que dar a volta para chegar-, e a limpeza e desbroce.

E é que a situación é tan grave que mesmo non hai moito un coche acabou literalmente empotrado contra unha parede da Ruela porque non veu o sinal de camiño sen saída pola maleza que, iso si, vén de ser desbrozada estes días, aínda que unicamente en parte.

Por iso, e dado que as queixas presentadas nestes meses, tanto na comisión informativa como a través de notas remitidas aos medios de comunicación, non foron atendidas, o grupo socialista presentará unha moción ao pleno da corporación deste mes de outubro para que se actúe na zona dun xeito inmediato.

Na moción, ademais, os socialistas pedirán que se mellore a contorna da Ruela de Arriba de Conxo, totalmente perxudicada coas obras do túnel, e que se recupere o lavadoiro. 

Comentarios