Gonzalo Caballero esixe que se "tomen medidas" ante as declaracións machistas do alcalde de Vilanova

Gonzalo Caballero esixe que se "tomen medidas" ante as declaracións machistas do alcalde de Vilanova

Na mesma semana na que precisamente a voceira de Igualdade do PP no Parlamento se referiu ao goberno de Pedro Sánchez como “un goberno floreiro” por ter maioría de mulleres no Consello de Ministros

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, condenou onte as “gravísimas” declaracións machistas do alcalde de Vilanova de Arousa dirixidas contra a presidenta da Deputación de Pontevedra, ao tempo que instou a Feijóo e a Pablo Casado a “tomar todas as medidas” para poñer freo á “escalada de ataques contra a dignidade das mulleres” por parte de cargos do PP.

Na mesma semana na que precisamente a voceira de Igualdade do PP no Parlamento se referiu ao goberno de Pedro Sánchez como “un goberno floreiro” por ter maioría de mulleres no Consello de Ministros, o líder dos socialistas galegos esixiu a Feijóo que “rectifique” as palabras destes membros do seu partido antes de que se celebre o Debate sobre o Estado da Autonomía.

“Ese Feijóo que quere ser o referente dos avances no PP consinte e é cómplice desas gravísimas declaracións?”, inquiriu Gonzalo Caballero, para advertir a Feijóo de que ten que facer “rectificar” ao alcalde de Vilanova e á súa voceira de Igualdade “se quere ter un mínimo de credibilidade”. Sobre todo, como recordou, despois de que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia “emendase” os abusivos servizos públicos que tentou fixar a Xunta o día da folga de mulleres.

E, tras amosar a súa “preocupación” polas “actitudes” dos populares no que atinxe á igualdade de homes e mulleres, o máximo dirixente socialista avanzou que a vicesecretaria xeral de Igualdade do PSdeG, Icía García, remitirá un escrito á Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta para deixar patente “a nosa queixa” e a esixencia dunha “rectificación”.

DEBATE SOBRE O ESTADO DA AUTONOMÍA

Precisamente, a igualdade é un dos eixos sobre os que o voceiro socialista no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, centrará o seu balance do goberno de Feijóo no Debate sobre o Estado da Autonomía que terá lugar a semana próxima, tal e como explicou Gonzalo Caballero.

Así, abordará tanto a defensa dos dereitos das mulleres como o “deterioro” dos servizos sociais “ata niveis impropios dunha democracia avanzada”, o menor aporte de Galicia para a financiación da Lei de dependencia e as dificultades que implica para as familias a compra dos libros de texto.

A iso sumou o secretario xeral do PSdeG “o retroceso e o deterioro” que o PP ten infrinxido nos servizos públicos, nomeadamente na sanidade. “Comparado co ano 2009,hai 577 millóns de euros menos no orzamento sanitario, menos persoal, menos camas hospitalarias e a terceira peor valoración dos usuarios de todas as comunidades”, exemplificou.

O emprego será outro dos asuntos nos que os socialistas porán o foco no debate de política xeral, ante a evidencia de que só no mes de setembro se perderon 200 postos de traballo cada día e de que aumentou a “precariedade laboral” tanto no eido privado como no que depende da administración autonómico, en palabras do líder socialista.

“Feijóo deixa unha Galicia con 77.000 ocupados menos que cando chegou, cunha taxa de desemprego maior, duplicando o desemprego de longa duración e aumentando de xeito alarmante o paro xuvenil”, enumerou Gonzalo Caballero, sen esquecerse que esa “imaxe de bo xestor” que proxecta vén acompañada dun aumento da débeda pública “dun 185%”.

“BALEIRO E INACCIÓN”

Por todo isto, o secretario xeral do PSdeG concluíu que Feijóo é “sinónimo de retroceso e deterioro” e que “Galicia necesita un cambio”. “Se preguntamos aos galegos tres decisións de Feijóo que teñan mellorado a súa vida, teríamos unha resposta de baleiro e inacción”, finalizou.

Comentarios