Últimos días para inscribirse nas probas de acceso ao Curso de Especialización Instrumental da Escola de Altos Estudos Musicais

Últimos días para inscribirse nas probas de acceso ao Curso de Especialización Instrumental da Escola de Altos Estudos Musicais

Os aspirantes terán que pasar unhas probas de selección a finais de outubro

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, organiza unha nova edición do Curso de Especialización Instrumental 2018-2019. 

Esta iniciativa diríxese a estudantes de música de grao medio ou superior que desexen perfeccionarse en diversos instrumentos. Na convocatoria do pasado mes de xuño non se cubriron as especialidades de violín, violoncello e contrabaixo, polo que se pon en marcha unha convocatoria extraordinaria.

O 15 de outubro remata o prazo para inscribirse nas probas de acceso ao Curso de Especialización Instrumental para estas tres especialidades. 

As solicitudes deberán presentarse a través da páxina web da Escola. Os interesados terán que xuntar o seu currículo, indicando o curso que están a realizar na actualidade, así como a relación de obras que cada un vai interpretar nas probas de selección. Darase prioridade aos aspirantes que non tivesen realizado estudos noutras edicións do Curso de Especialización Instrumental.

Os aspirantes terán que pasar unhas probas de selección, que se levarán a cabo na propia Escola o día 20 de outubro. O centro disporá de pianistas acompañantes para quen o solicite no boletín de inscrición. Aqueles candidatos que non consigan praza pasarán a integrar unha lista de espera.

O curso académico comeza este mes e remata en xuño de 2019. Búscase o perfeccionamento instrumental da especialidade elixida, a través de 15 horas de clase individual repartidas ao longo do curso. 

Ademais, durante o ano organizaranse diferentes actividades de práctica de conxunto, co que os participantes terán a oportunidade de ofrecer concertos públicos en diferentes puntos da cidade. E os alumnos recibirán un diploma acreditativo dos seus estudos.

Comentarios