Máis centros de Ames súmanse ao estudo sociolingüistico do galego

Máis centros de Ames súmanse ao estudo sociolingüistico do galego

A idea é elaborar o mapa sociolingüístico do concello de Ames sobre as franxa de idade de 0 a 19 anos

O pasado xoves, 4 de outubro, desenvolveuse unha xuntanza no Pazo da Peregrina co obxectivo coñecer a opinión dos centros de ensino público de Ames en relación á extensión do informe sociolingüísticos do CEIP Agro do Muíño a todos eles.

A idea é elaborar o mapa sociolingüístico do concello de Ames sobre as franxa de idade de 0 a 19 anos, para que os centros elaboren os seus propios plans lingüísticos e o Concello estableza as liñas xerais da súa política lingüística municipal en relación á infancia e a mocidade.

Na xuntanza participaron a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, o concelleiro de Educación, David Santomil; a técnica municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, así como representantes dos equipos directivos e dos equipos de Normalización Lingüística de todos centros de ensino público de Ames non municipais: escolas da Rede Galiña Azul, centros de educación infantil e primaria e institutos de educación secundaria e bacharelato. 

Para realizar este traballo, dende o Concello de Ames preténdese asinar un convenio de colaboración coa Real Academia Galega, polo que tamén asistiu Xaquín Loredo, membro do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e autor do informe sobre Agro do Muíño.

A pasada semana, representantes da Real Academia Galega, do Concello de Ames e do CEIP Agro do Muíño, presentaron no salón de Plenos da Casa do Concello o informe A lingua no CEIP Agro do Muíño. O estudo, un dos máis completos realizados ata o momento sobre o galego nun centro escolar, baseouse nas enquisas administradas desde o propio colexio a todas as familias e alumnos e alumnas de infantil e primaria e mais ao profesorado, para coñecer a situación sociolingüística da comunidade educativa e poder así levar a cabo unha axeitada planificación das posibles intervencións neste eido. 

Comentarios