Puy espera acadar acordos coa oposición “para dar estabilidade ás políticas que demanda a cidadanía”

Puy espera acadar acordos coa oposición “para dar estabilidade ás políticas que demanda a cidadanía”

Pedro Puy considerou esta semana “como unha das de traballo máis intenso e importantes” da actividade parlamentaria pola celebración do Debate sobre o Estado da Autonomía

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que “afrontamos o Debate sobre o Estado da Autonomía con espírito construtivo e esperamos que os demais grupos fagan o mesmo porque, na medida que podamos acadar acordos nas propostas, daremos estabilidade ás políticas que demanda a cidadanía”.

Pedro Puy considerou esta semana “como unha das de traballo máis intenso e importantes” da actividade parlamentaria pola celebración do Debate sobre o Estado da Autonomía, que “afrontamos con intención de dar contas e analizar a situación presente para facer propostas de futuro, realistas e acaídas ás necesidades do país”.

En concreto, referiuse ás liñas argumentais avanzadas polo Presidente da Xunta no recente cambio de membros do Goberno galego, “que marcarán as prioridades da axenda política para os próximos anos”. Así, Puy lembrou o compromiso de “facer da cultura e o turismo, na perspectiva do Xacobeo 2021, un motor para dar a coñecer Galicia e xerar riqueza e modernización; darlle importancia á mobilidade e ás infraestruturas; pensar no territorio en termos sostibles pero tamén de produtividade con accións no medio rural; reforzar as políticas sociais; e darlle continuidade a unhas políticas económicas que están a dar un bo resultado para continuar crecendo e poder resolver os problemas que a crise deixou entre nós”.

Cuestionado sobre unha posible nova rebaixa de impostos, o portavoz popular lembrou que o PPdeG considera “bo, por cuestións de eficiencia económica e equidade, que as familias con menos recursos vexan alixeirada a súa carga fiscal”. “Iso non quere dicir que non nos preocupemos por ter suficientes recursos públicos para desenvolver políticas públicas que incidan na equidade do conxunto do sistema”, apuntou.

O MINISTRO DIXO O MESMO

Respecto da visita do ministro de Fomento a Galicia, Puy asegurou que “foi moi boa para desfacer algunhas das cuestións que se estaban comentando por parte da oposición”. “O ministro dixo o mesmo que dicíamos nós e seguiremos defendendo con independencia de quen goberne en Madrid, polo que son outros os que terán que darlle unha volta ao que afirmaban antes”, indicou.

Sobre o calendario para a chegada do AVE a Galicia, Pedro Puy manifestou que “demostrouse que era cumprible e realista, e o actual ministro veu dicir o mesmo que afirmaba o anterior ministro”. “É positivo para Galicia e para o resto do Estado, e confirma que, unha vez superada a parálise do Goberno central como consecuencia de estar en funcións, se estaba a facer todo o posible para traer o AVE a Galicia no prazo de tempo máis breve posible”, explicou.

“Desde o PPdeG somos coherentes e seguimos pedindo a transferencia da AP-9 porque cremos que é bo para o país”, subliñou o portavoz popular, e demandou explicacións a “aqueles que dicían que non había vontade política para o traspaso, cando o ministro di agora que o problema non era de vontade política senón que ten que ver coa concepción que no conxunto da Administración Xeral do Estado se ten sobre as infraestruturas de carácter estatal, nunhas circunstancias políticas moi concretas nas que se está a debater sobre a presenza do Estado no conxunto do territorio nacional”.

REACCIÓN INMEDIATA ANTE O INCENDIO

Pedro Puy tamén salientou a “reacción inmediata dos servizos de extinción con medios suficientes que permitiron controlar o incendio” en Mondariz e lamentou que “axuda pouco andar politizando a curto prazo estas cuestións”.

Neste sentido, salientou que en Galicia “temos unha folla de ruta que é o ditame da Comisión de estudo sobre política forestal, aprobado cos votos do PPdeG e do PSOE, no que se recollen as aportacións máis valiosas dos expertos e dos que coñecen a fondo o problema dos incendios”. “Agora hai que desenvolver o que establece este plan, e a vontade do Goberno galego quedou patente cando a quen se lle atribúen as competencias nesta materia é un dos autores dese ditame”, sinalou.

Comentarios