Os Populares denuncian que a falta de rigor do Goberno de Martiño Noriega na xestión dos Centros Socioculturais supón un "sobre custe para os santiagueses"

Os Populares denuncian que a falta de rigor do Goberno de Martiño Noriega na xestión dos Centros Socioculturais supón un "sobre custe para os santiagueses"

“A concelleira está a permitir que a empresa adxudicataria do servizo incumpra os pregos de licitación”, remarcou a concelleira popular

A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Antón, ofreceu onte unha rolda de prensa na que denunciou que a falta de rigor do Goberno de Martiño Noriega na xestión dos centros Socioculturais “está a supoñer un sobrecuste aos santiagueses, posto que o que non se leva a cabo a tempo e prazo, acaba sendo contratado privadamente co que o gasto é maior”.

Antón instou ao Goberno de Compostela Aberta que se deixe de “dar voltas” e arranxe grave situación pola que están a pasar estes Centros, posto que a súa situación non pode caer “no esquecemento das boas palabras e cero accións”. María Antón subliñou novamente que a xestión dos Centro Socioculturais nestes tres anos de CA “deteriórase día a día por falta de atención e traballo”.

Tal como denuncia o grupo que dirixe Agustín Hernández, as irregularidades nos Centros Socioculturais vai máis aló do retraso nas actividades, xa que como denunciaban os Populares o pasado luns, “a licitación do servizo tiña que ser unha oportunidade para mellorar a prestación do servizo e para repensar as súas funcionalidades, porque está claro que a calidade do servizo cada vez é menor”.

Desleixo de Concha Fernández

Para María Antón, o desleixo da concelleira responsable de Centros, Concha Fernández, é maiúsculo e resulta sorprendente a “osadía desta responsable, ao presentar está mañá as actividades que haberá de aquí a final de año sen cumprir o procedemento adecuado, que é obter a súa aprobación na Xunta de Goberno Local (XGL), xa que os prezos públicos esixen dita aprobación”.

Non obstante, concretou a concelleira Popular, “esta situación tampouco é tan novidosa, xa que non é a primeira vez que Concha Fernández se salta o procedemento, nun fuxida cara adiante, pero o problema é que isto, ao final, repercutirá no peto dos santiagueses”.

Así mesmo, “está a permitir que a empresa adxudicataria do servizo incumpra os pregos de licitación, onde se indicaba que, nun prazo de dous meses, a empresa tiña que entregar unha serie de documentos e pasaron xa 4 meses, desde que se asinou o contrato e ningún destes documentos está presentado”, aclarou.

O resultado desta situación de inexistencia destes protocolos que pretendían regulamentar o uso dos centros xeral ou específico, entre outros, está a favorecer a política de “todo vale”, mesmamente, “entregando chaves desta rede de equipamentos municipais a destro e sinistro, polo que o Alcalde, máximo responsable agora da xestión destes centros, teña unha listaxe de todo o mundo que ten chaves e que sexa responsable desta desfeita”.

María Antón tamén remarcou que non se tivo en conta aos traballadores municipais, que foron ignorados, sendo eles pola súa traxectoria e antigüidade os que mellor coñecen o funcionamento dos centros e os que poderían achegar información para mellorar a prestación deste servizo e todo isto co coñecemento do propio alcalde.

Así mesmo, o alcalde non pode escusar á empresa adxudicataria da mala xestión que está facendo, porque tivo 3 meses para preparar as actividades que se tiñan que ter empezado o 1 de outubro e agora dáse o caso de que os traballadores están consumindo horas con cargo ao prego, pero sen usuarios, sen actividades aprobadas, nin publicitadas e sen matriculados.

A concelleira Popular indicou que “espero que non se desvíen da oferta do prego, porque non vale ter actividades por ter, nin copiar as actividades que se estaban realizando, é necesario cumprir coa oferta que presentaron na licitación” ou mesmo engadiu “que non ocorra o que xa sucedeu, con actividades que se iniciaron sen aprobar os prezos, o que supuxo que os usuarios levaran unha sorpresa cando o prezo era o dobre do que viña sendo habitual”.

Situación Centros Socioculturais

María Antón fixo un repaso sobre a situación destas instalacións, subliñando o que está a pasar no Centro Sociocultural da Trisca, que está pechado os luns e so abre de tarde de martes a venres, entre as 16.00 e as 21.00 horas e os sábados é a Asociación a encargada de abrilo.

Para Antón. resulta curioso que o edificio máis emblemático da rede de Centros Socioculturais esté esquecido, cando é un inmoble deseñado polos arquitectos John Hejduk, Antonio Sanmartín e Elena Cánovas e inaugurado no 2003, coa intención de dar servizo a toda a zona do barrio de San Pedro. Este edificio ten unha terraza cunhas vistas inigualables sobre a zona de Belvís e a Cidade da Cultura, de feito, cando se presentou o Bosque de Galicia pretendíase facer un corredor desde a Trisca ata a Cidade, onde están as famosas Torres Hejduk.

Pero lonxe de poñer en valor a situación privilexiada deste centro, o Goberno de Martiño Noriega decide financiar un local dunha asociación que está nesta contorna para que forme parte da rede, o que, tal como remarcou María Antón deixa claro que “o clientelismo de Compostela Aberta sae caro”.

Outros centros tamén sofren a nefasta xestión de CA como o de Santa Marta e o Romaño-Vista Alegre, que están pechados os luns e só abren de tarde de martes a venres, entre as 16,00 horas e as 21,00 horas, e, ademais, no de Santa Marta, as actividades están hipotecadas polas estadías técnicas e residencias de creación artística para proxectos de artes escénicas para o curso 2018-2019.

Sen ir máis lonxe, o venres pasado a Xunta de Goberno Local aprobou a concesión destas novas estadías polo que todo o mes de outubro, practicamente todo decembro, máis febreiro e marzo, Santa Marta está para as compañías adxudicatarias das estadías. Antón destacou que o Grupo Popular “non está en contra deste proxecto de estadías, pero si de deixar sen servizo aos veciños de Santa Marta”.

Tamén ten problemas o do Castiñeiriño, que so abre en horario de tarde de luns a venres de 16 horas á 21,00; e pouca opción teñen os veciños que utilizaban Cornes, a Casa das Asociacións, que se atopa pechada e sen mantemento, para comprobalo so basta con ir a ver o exterior do edificio para contemplar como medran as herbas arredor.

Non é distinta a situación a dos Centros do rural, que tamén sofren o desgoberno de Compostela Aberta, porque desde xa non van a ter atención ao público.

Comentarios