Abre o prazo de inscrición para o curso de primeiros auxilios organizado pola OMIX

Abre o prazo de inscrición para o curso de primeiros auxilios organizado pola OMIX

O curso realizarase entre o 30 de outubro e o 27 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, todos os martes e xoves en horario de 20.00 a 22.30 horas

A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta un novo curso gratuíto de primeiros auxilios, que se impartirá todos os martes e xoves, do 30 de outubro ao 27 de novembro. A actividade, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 20.00 a 22.30 horas, está dirixida a persoas maiores de 16 anos e conta con un número de prazas limitadas que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición remata o vindeiro 19 de outubro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ficha de inscrición.

Durante vinte horas, ensinaránselle aos participantes contidos como o mantemento do soporte vital básico, a inmobilización de persoas enfermas ou feridas, e como intervir fronte feridas, contusións, queimaduras ou traumatismos. Desta maneira, búscase que os alumnos e alumnas saian desta formación coñecendo os fundamentos básicos dos primeiros auxilios, como aplicar as técnicas de reanimación cardiopulmonar cando sexa necesario, a mobilizar de maneira correcta a unha persoa ferida ou enferma e as técnicas básicas para poder actuar ante persoas con hemorraxias, feridas, queimaduras ou con traumatismos. 

O curso realizarase entre o 30 de outubro e o 27 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, todos os martes e xoves en horario de 20.00 a 22.30 horas. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán estar empadroadas no Concello de Ames e ter máis de 16 anos. Así mesmo, terán preferencia á hora de cubrir as prazas as mozas e mozos que se atopen entre os 16 e os 30 anos, aínda que, de non cubrirse as 20 prazas dispoñibles, poderán acceder a esta actividade persoas empadroadas de máis de 30 anos e persoas non empadroadas de calquera idade, por este orde de prioridade. 


Tramitación das inscricións 

Para realizar a inscrición será necesario enviar a ficha de inscrición debidamente cumprimentada, ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal ou entregala persoalmente na propia Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) xunto cunha fotocopia do DNI. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de chegada. O prazo de inscrición remata o vindeiro 19 de outubro. Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa OMIX de Ames a través do teléfono 616 083 229 ou do correo electrónico omix@concellodeames.gal

O curso será de balde para o alumnado admitido, que ao rematar a formación recibirá un diploma acreditativo de ter superado con éxito o curso. Ademais, esta formación é imprescindible para perfís profesionais que desenvolven a súa actividade con todo tipo de colectivos, estendéndose a súa aplicabilidade a diferentes contextos como o lecer e o tempo libre, o sanitario ou o deportivo. 

Comentarios