O Concello abre o prazo para as actividades dos Centros Cívicos para o resto do ano

O Concello abre o prazo para as actividades dos Centros Cívicos para o resto do ano
O Concello abre o prazo para as actividades dos Centros Cívicos para o resto do ano

A concelleira nsistiu en que "o Goberno estará vixiante para que Ferrovial cumpra coas súas obrigas, respectando o prego de condicións polo que resultou adxudicataria do servizo"

A concelleira de Centros Cívicos presentou hoxe a programación da rede para o que resta de ano. Concha Fernández salientou que, malia a que o servizo empezou a estar xestionado por unha nova empresa concesionaria, "mantense a oferta dos centros que tiña unha boa acollida por parte da veciñanza, así como a colaboración estable con máis dunha trintena de asociacións veciñais e colectivos diversos que veñen realizando as súas actividades los locais municipais". Como novidade, neste curso introdúcese a posibilidade de facer a preinscrición nas actividades a través dun formulario web.

Ata o 14 de outubro, incluído, estará aberto o prazo para realizar a preinscrición nas actividades que a rede de centros cívicos ofertará en novembro e decembro. Por vez primeira, ese trámite poderase facer a través de internet, cubrindo o formularía ao pé desta noticia. Deste xeito, explicou Concha Fernández, poderase axilizar notablemente a organización dos grupos para os diferentes cursos. De igual maneira, a preinscrición poderase realizar de xeito presencial nos propios centros da rede.

A concelleira de Centros Cívicos salientou que a programación "é moi ampla, con propostas que viñan tendo moi boa acollida por parte da veciñanza e con múltiples actividades en colaboración co tecido social e cultural de Compostela". Destacou tamén que o departamento segue traballando nas propostas, de xeito que poderían introducirse aínda algunhas melloras. Tamén lembrou que a programación será enriquecida con actividades complementarias que xa están tamén consolidadas, como "Doce doces de outono", "Liñas Paralelas", ou os circuítos saudables".

Entre as novidades do novo curso, Concha Fernández salientou que "se mellora a atención nas tardes dos luns, coa apertura dos centros de Vite e Fontiñas e das súas respectivas bibliotecas, así como da aula de xogos de Fontiñas. Tamén funcionarán os luns pola tarde as salas de lectura de Conxo e do Castiñeiriño". A concelleira recoñeceu o atraso na posta en marcha da nova programación, pero lembrou que "os servizos ordinarios da rede están funcionando con normalidade, e a nova empresa concesionaria debe adaptarse a unha organización complexa, con máis de 40 centros que atenden a unha veciñanza diversa e que son utilizados por colectivos diferentes". 

Insistiu ademais en que "o Goberno estará vixiante para que Ferrovial cumpra coas súas obrigas, respectando o prego de condicións polo que resultou adxudicataria do servizo". Entre esas obrigas, a concelleira lembrou que "a nova concesionaria debe ofertar 29.000 horas anuais de actividades, 5.000 delas no rural". Por temáticas, o 39 por cento das horas serán para actividades relacionadas coa cultura e as artes, o 24 por cento ao benestar, e o 16 por cento ás novas tecnoloxías. Tamén haberá ofertas relacionadas coa interación social, o ensino e os deportes, e a economía sostible e a participación cidadá

Centro Cívico de Conxo

Como viña sendo habitual, o de Conxo é un dos centros con maior actividade, "froito tanto da programación municipal como da colaboración con diferentes colectivos asentados nun dos barrios máis dinámicos de Compostela". Tamén por iso é un dos centros con máis horas de apertura da rede, e neste curso incorpóranse as tardes dos luns.

No novo curso, no centro de Conxo haberá ata once actividades distintas específicas para nenos e nenas, como danza creativa, teatro, xadrez, pintura ou inglés; manterase o club xuvenil e o teatro de mozos e mozas; e programaranse actividades específicas para adultos e persoas maiores, como as de ximnasia ou o taller de memoria. Tamén continuarán as actividades de dinamización dixital e informática. A estas actividades programadas desde o Concello hai que engadir ata medio cento de propostas en colaboración con diferentes asociacións.

Castiñeiriño, Fontiñas e Ensanche

En canto ao centro cívico Agustín Bueno do Castiñeiriño, mantense a programación que viña funcionando antes do verán, con actividades específicas para nenos e nenas como zumba, teatro, pintura ou informática; actividades para adultos como tai-chi, pilates, corte e confección, encaixe de bolillos ou informática; e actividades específicas para persoas maiores, fundamentalmente para traballar a memoria e para achegar as novas tecnoloxías a este colectivo de idade. O centro mantén o seu horario de apertura.

No centro cívico de Fontiñas, o Concello programa ata 13 actividades distintas para público infantil, adulto ou sénior, ás que hai que sumar outra quincena de propostas dos colectivos que veñen utilizando as instalacións. Entre as propostas con mellor acollida neste centro figuran as relacionadas co xadrez, a pintura ou os encontros de maiores. Tamén se manteñen os servizos da aula de xogo, a biblioteca ou a aula de informática.

No centro cívico do Ensanche seguiranse desenvolvendo cursos de carácter anual, como ioga terapéutico, club de teatro ou envellecemento activo. Serán ata once propostas diferentes, para nenos e nenas e para persoas adultas. A esas actividades estables súmanse numerosas ofertas puntuais organizadas desde o centro, como os circuítos saúdables, os sábados de baile, ou os talleres de costura express. Tamén están previstos numerosos obradoiros e charlas de temáticas do máis variada: desde a química á cosmética natural, pasando pola ilustración ou a bricolaxe. O centro tamén acollerá diferentes exposicións no que resta de ano, e tres actividades para o público familiar da rede cultural da Deputación da Coruña.

Vite, Santa Marta e A Trisca

O centro cívico José Saramago de Vite tamén incrementa o seu horario no novo curso, abrindo os luns pola tarde e mellorando os servizos de biblioteca ou da aula de xogo. As actividades previstas para os próximos meses danlle continuidade ás que se viñan desenvolvendo. Así, haberá pintura, baile e inglés para os nenos e nenas; pintura, teatro, ou a escola de alimentación saudable para o público adulto; e estimulación de memoria ou xerontoximnasia para as persoas maiores. Tamén manterá unha intensa actividade a aula de novas tecnoloxías, con cursos para nenos e nenas e para persoas adultas, e tamén con uso libre polas tardes.

En canto ao centro cívico de Santa Marta, funcionará de martes a sábado en horario de mañá e tarde. Para os vindeiros meses están programadas ata 14 actividades distintas para nenos e nenas, relacionadas coa pintura, o teatro a escritura creativa, o inglés ou o xadrez. As persoas adultas poderán elixir entre unha vintena de cursos diferentes, e os maiores de 60 anos terán ao seu dispor ata unha ducia de propostas. A todas estas propostas hai que engadirlle as organizadas pola asociación veciñal.

O centro cívico da Trisca é outro dos que funcionará en horario de mañá e tarde, de luns a venres. Entre os seus servizos destaca a aula de xogo, aberta de luns a venres de 17.30 a 20.00 horas. Neste centro ofertaranse cursos de pilates, ioga terapéutico, ou adestramento da memoria.

Outros barrios e zona rural

Na programación para os próximos meses mantense tamén a oferta dos locais socioculturais da rede: A Rocha, San Lourenzo, Sar, Pontepedriña, Cardenal Quiroga, Vidán, A Almáciga, Amio, Brañas de Andrés, As Cancelas, Casa Agraria, zona histórica e O Romaño. En todos os casos evitáronse as modificacións dos horarios das actividades que se viñan desenvolvendo con boa acollida por parte da veciñanza, e tamén se manteñen as propostas das diferentes asociacións e colectivos que viñan empregando os locais.

O mesmo acontece na zona rural, onde o Concello conta con 20 locais socioculturais. Mantéñense as mesmas actividades e procurouse manter os mesmos horarios, con obxectivo de non causar prexuízos ás persoas usuarias. Haberá, en total, máis de 450 actividades nos locais das parroquias. 

Comentarios
Lo más