A mineira de Touro fai desaparecer o río Portapego nun tramo de 200 metros e a USC marca distancias co Proxecto Touro

A mineira de Touro fai desaparecer o río Portapego nun tramo de 200 metros e a USC marca distancias co Proxecto Touro
A mineira de Touro fai desaparecer o río Portapego nun tramo de 200 metros e a USC marca distancias co Proxecto Touro

A Universidade de Santiago de Compostela ven de aclarar nun correo electrónico dirixido a Aldea Viva que "non existe actualmente ningún contrato ou convenio de colaboración da USC cos titulares da mina"

Aldea Viva presentou unha denuncia ante Augas de Galicia polas obras efectuadas sen as autorizacións preceptivas nas inmediacións do nacemento do río Portapego. Para sorpresa dos veciños de Touro o leito do río no seu tramo inicial, xusto detrás da polémica área de servizos do concello, está completamente seco dende fai dúas semanas. Este río atravesa o núcleo municipal até desembocar no Lañas, tributario do río Ulla.Nos últimos tempos fíxose moi popular polo seu pésimo estado, sen vida algunha nas súas augas, como outros moitos ríos e regatos próximos á explotación mineira. Esta situación puido xerar incomodidade para os promotores da mina pola mala imaxe que proxecta, e que dalgún xeito simboliza a súa despreocupación durante todos estes anos. Solo deste xeito o colectivo medioambientalista atopa explicación á supresión de aproximadamente 200 m de treito de río sen contar con ningunha autorización por parte de Augas de Galicia. Aldea viva tamén puxo en coñecemento do concello de Touro, gobernado polo popular Ignacio Codesido, estas irregularidades para que presente denuncia e exerza as competencias que lle corresponden, algo que non fixo até o día de hoxe. 

A Universidade de Santiago desvincúlase do Proxecto Touro

A pesares de que os promotores da mina presumen habitualmente de contar coa colaboración das universidades galegas no seu proxecto, a Universidade de Santiago de Compostela ven de aclarar nun correo electrónico dirixido a Aldea Viva que "non existe actualmente ningún contrato ou convenio de colaboración da USC cos titulares da mina".
Ademáis apuntan que logo de consultarlle á consellería pola utilización do nome da institución, recibiron contestación con data do 13 de abril de 2018 indicando que “non consta entre os informes recibidos ata a data ningún asinado por ningunha persoa que se identifique como membro da Universidade de Santiago de Compostela”. 

Comentarios