Descubren un novo biomarcador para detectar o risco de aparición e progresión do Queratocono

Descubren un novo biomarcador para detectar o risco de aparición e progresión do Queratocono

Os resultados abren a posibilidade á consecución dun tratamento para esta enfermidade da córnea, que evite o seu desenvolvemento e progresión

A revista Ocular Immunology and Inflammation, de gran impacto dentro da especialidade, ven de publicar un artigo sobre un estudo clínico realizado en colaboración entre o Instituto Galego de Oftalmoloxía (Ingo) e o Instituto de Investigación sanitaria de Santiago (IDIS) no que se determina un novo biomarcador para detectar o risco de aparición e progresión do Queratocono.


A importancia práctica deste estudo, liderado por Isabel Lema (INGO) e Tomás Sobrino (IDIS), propiciou xa a licenza destes resultados á empresa CORNEA PROYECT de Barcelona, que na actualidade está a desenvolver o prototipo e a fase comercial para levar este coñecemento á práctica clínica. 

Os resultados tamén abren a posibilidade á consecución dun tratamento médico para esta enfermidade que evite o seu desenvolvemento e progresión. Esta colaboración permitiu, unha vez máis, poñer en valor a investigación traslacional e a importancia do intercambio de coñecemento entre os investigadores básicos e clínicos, para que os resultados cheguen canto antes aos pacientes


Queratocono

O Queratocono é unha enfermidade progresiva da parte anterior do ollo, da córnea, que pode producir unha gran discapacidade visual. Esta enfermidade afecta a adultos novos, e ten gran impacto socio-sanitario. Na actualidade non ten tratamento médico e nos casos avanzados é necesario recorrer ao transplante corneal.


Estímase que uns 15.000 galegos presentan esta alteración corneal. A causa da enfermidade e o que condiciona a súa progresión aínda non está clara, nembargantes en varios estudos demostrouse a participación da inflamación. 

O obxectivo principal desta investigación foi demostrar que a inmunidade innata está implicada no inicio e progresión do queratocono. Para iso estudouse, en córnea e conxuntiva de pacientes coa enfermidade manifesta nun só ollo a expresión dos receptores toll- like-2 e 4.


Os resultados demostraron que estas moléculas están sobreexpresadas nos ollos con queratocono, especialmente naqueles que progresan, pero tamén nos ollos sen queratocono manifesto con respecto aos ollos sans. Isto convérteas nuns excelentes biomarcadores que permiten detectar o risco de aparición e de progresión do queratocono, cunha gran sensibilidade e especificidade.

Comentarios