JUPEMI acollerá unha nova charla de "Falemos de Saúde" que abordará a perda da memoria

JUPEMI acollerá unha nova charla de "Falemos de Saúde" que abordará a perda da memoria

Nesta ocasión o obradoiro, que comezará as 17.30 horas, será impartido pola enfermeira María Rey

O local de JUPEMI, situado no Milladoiro, acollerá este mércores, 10 de outubro, unha nova charla do programa municipal “Falemos de Saúde”. Nesta ocasión o obradoiro, que comezará as 17.30 horas, será impartido pola enfermeira María Rey, que afondará na perda da memoria e nas causas e síntomas máis frecuentes, ao tempo que facilitará aos asistentes algúns exercicios para a súa prevención.

Ao abeiro da nova edición do programa “Falemos de Saúde”, inaugurada o pasado 9 de maio cunha charla centrada no exercicio físico durante a terceira idade, o local de persoas xubiladas JUPEMI, situado no Milladoiro, acolle unha nova sesión este mércores, 10 de outubro. Esta charla, que comezará ás 17.30 horas, tratará sobre a memoria e como previr a súa perda, será impartida pola enfermeira María Rey, especializada en atención comunitaria e familiar.

Así, nesta charla-obradoiro comezarase por precisar cales son as causas non patolóxicas máis frecuentes para a perda de memoria, un problema que se volve máis común a medida que avanza a idade de quen a sofre, así como os síntomas que fan saltar a alarma, como son esquecementos sistemáticos, despistes ou desorientación.

Ademais, a poñente tamén destacará a importancia de estímulos a nivel mental e o exercicio físico para atallar este problema. Sen embargo, esta non só será unha xornada teórica, posto que María Rey tamén realizará cos asistentes unha serie de exercicios sinxelos para previr estas perdas de memoria, que poderán repetir nos seus fogares.

Comentarios