Feijóo promete menos impostos e un crecemento igualitario no futuro próximo de Galicia

Feijóo promete menos impostos e un crecemento igualitario no futuro próximo de Galicia

“O ano que vén Galicia será unha das comunidades con menos impostos para mercar vivenda habitual usada, e a máis barata no caso dos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade”, afirma Feijóo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incidiu hoxe no seu discurso de apertura do Debate sobre o Estado da Autonomía na necesidade de preparar a Galicia do Xacobeo de 2021, con orgullo, cun crecemento ordenado e igualitario e con menos cargas fiscais. 

Para garantilo, confirmou que “o próximo ano en Galicia haberá presupostos, haberá menos débeda e baixaranse os impostos”. E, para iso, aseverou, o Goberno que preside empregará todos os recursos que permite o autogoberno, co obxectivo de que a Comunidade estea protexida ao máximo posible.

Na liña das rebaixas fiscais, Feijóo anunciou que “o ano que vén Galicia será unha das comunidades con menos impostos para mercar vivenda habitual usada, e a máis barata no caso dos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade”.

Por outra banda, co fin de ter uns presupostos en tempo e forma, anunciou primeiramente que o Consello de mañá aprobará o teito de gasto para o vindeiro ano. E pediu a colaboración da Cámara para que a próxima semana, dentro do prazo legal, “tal e como fixemos sempre”, tamén se poidan levar ao Parlamento os orzamentos de Galicia para 2019.

Así mesmo, asegurou que a Xunta non mudará o criterio acerca da necesidade de reducir o endebedamento, incidindo en que se en 2017, por segunda vez en dez anos, Galicia logrou baixar o seu endebedamento, “este ano volverase facer”. Unha decisión que, segundo lembrou, sitúa a Comunidade nunha mellor situación que outras xa que, hoxe, cada galego debe 2.000 euros menos que a media dos españois; e permite aforros moi notables en xuros: 140 millóns desde 2014.

Se ben lamentou que é imposible que Galicia non se vexa afectada pola incerteza instalada a nivel nacional, o titular do Executivo galego aseverou que o goberno que preside tampouco mudará de criterio respecto a conveniencia de baixar impostos, subliñando que as medidas aprobadas neste sentido nos últimos anos non só beneficiaron a milleiros de familias galegas, senón tamén á economía, que medrou máis dun 3% nestes últimos anos.

“Cremos que Galicia é o bo camiño. Xustamente o contrario ao que está a propoñer e percorrer o Goberno de España”, dixo, referíndose, a modo de exemplo, á suba do imposto ao diésel. Unha medida que, de confirmarse, tería uns efectos demoledores xa que Galicia: é usuaria deste tipo de vehículos, que supoñen o 85% do combustible que se emprega; e é fabricante, e a industria do automóbil xa está sufrindo unha paralización das vendas.

Feijóo precisou que no debate de orzamentos que se abrirá nas próximas semanas concretarase o alcance da política fiscal para este exercicio, garantindo o mantemento dos beneficios que están en vigor e co deseño de novas baixadas nos tributos cedidos. “Un ano máis garantiremos que en Galicia se van pagar cada vez menos impostos”, reiterou, recordando que os beneficios fiscais de carácter social implantados ou mantidos pola Xunta desde 2009 deixaron máis de 1100 millóns no peto dos galegos.

“Con esa liberdade chegamos ata aquí e libremente seguimos sendo un pobo con identidade e cultura propias”, dixo, lembrando que estes anos de liberdade autonómica permitiron ás galegas e ós galegos escribir o seu propio modelo, baseado na cordialidade e na moderación. E que hoxe ten un novo reto: o capítulo da nova década, a Galicia do Xacobeo 2021, “que temos que escribila todos xuntos”. Unha Galicia que sexa “un lugar onde chegar, onde quedar, onde volver”.

O titular da Xunta propuxo ao Parlamento que, en 2021, Galicia non só celebre o mellor Xacobeo da súa historia, senón que a Galicia do Xacobeo 2021 sexa indiscutiblemente a mellor da nosa historia: unha Galicia que se queira máis a si mesma; unha Galicia con máis benestar, que se coide máis a si mesma; unha Galicia ambiciosa, que non se poña teito e unha Galicia orgullosa, de portas abertas a España e ao mundo.

Comentarios