Condenan a tres anos de prisión a un home por drogar a dúas prostitutas

Condenan a tres anos de prisión a un home por drogar a dúas prostitutas

Os maxistrados condenaron ao imputado como autor dun delito contra a saúde pública

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a tres anos e cinco meses de prisión a un veciño de Serra de Outes por botar droga na bebida a dúas prostitutas que se desprazaron á súa vivenda durante a madrugada do 3 ao 4 de xuño de 2015.

Tras inxerir o cóctel, que contiña cocaína e MDMA, unha das vítimas comezou “a sentir mareos con perda de visión”, segundo indica o tribunal na sentenza, na que sostén que tardou en curar sete días. A Audiencia Provincial destaca que a súa compañeira sufriu uns “efectos menores” porque vomitou a bebida.

Os maxistrados condenaron ao imputado como autor dun delito contra a saúde pública, na súa modalidade de substancias que causan grave dano á saúde, e doutro de lesións. 

Ademais da pena de prisión, impuxéronlle a prohibición de aproximarse e comunicarse coas vítimas durante dous anos, así como o abono dunha indemnización de 3.000 euros á prexudicada que sufriu máis danos e de 600 euros á outra denunciante. Contra a sentenza pódese presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

“Non cabe aplicar o principio de insignificancia da cantidade de droga fornecida a través da bebida cando as doses disoltas foron suficientes para producir efectos nocivos na saúde das persoas que as inxeriron”, argumenta o tribunal, quen recalca que a acción “lesionou a indemnidade das vítimas”. 

Os maxistrados consideran a “circunstancia máis relevante” que o condenado proporcionase a droga “de forma inconsentida polas súas destinatarias”, un factor “que aumenta notablemente a reprochabilidade da conduta”.

Comentarios