Reyes reclama a apertura de un expediente á empresa dos servizos de conserxería das instalacións deportivas

Reyes reclama a apertura de un expediente á empresa dos servizos de conserxería das instalacións deportivas

O concelleiro socialista puxo enriba da mesa unha serie de presuntas irregularidades

O voceiro socialista, Paco Reyes, anunciou onte que o seu grupo reclama ao goberno local a apertura dun expediente á empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, adxudicatoria do contrato de prestación integral dos servizos de conserxería e limpeza de varias instalacións deportivas municipais do Concello de Santiago, para avaliar o grao de cumprimento das melloras propostas por esta compañía.

Reyes, no caso de que se confirme que existen incumprimentos, pide aos responsables municipais que valoren a rescición do contrato.

O concelleiro socialista puxo enriba da mesa unha serie de presuntas irregularidades que, no caso de quedar confirmadas, porían en cuestionamento a puntuación obtida, e dun xeito específico no apartado de melloras.

Reyes lembrou que o primeiro que fixo a empresa, que presta este servizo dende o 1 de xuño, foi non subrogar ao persoal, o que conlevou un expediente e posterior multa por parte do Concello.

E, precisamente, catro dos puntos recibidos por Lacera no apartado de melloras foi o de incrementar o número de horas ao ano, extremo que, como destacou Reyes, non sería viable sen a contratación desas tres persoas que non foron subrogadas.

Outro dos puntos engadidos pola empresa foi o do seu compromiso de implantar un sistema informático de control da xestión do servizo en dous meses -dous antes do prazo contemplado nos pregos-. Segundo dixo, semella que esta mellora, pola que Lacera recibiu dous puntos, tampouco foi materializada nese prazo.

E, por último, Reyes preguntou se, tal e como garantía a empresa, dende o inicio da prestación do servizo implantáronse as melloras económicas aos traballadores -cunha suba do 1%-. Por este compromiso, a compañía obtivo outros dous puntos.

"Se sumamos e logo restamos os puntos por estes presuntos incumprimentos, Lacera en lugar de 28 puntos no apartado de melloras tería 20, e en lugar de 78 puntos finais, tería 70, polo que non sería a adxudicataria e pasaría a ocupar o derradeiro lugar das empresas que se presentaron", asegurou o voceiro do PSdeG-PSOE.

Por todo iso, o grupo reclama do goberno local de Compostela Aberta a apertura dun expediente. 

Comentarios
Lo más