Abre no Colexio de Fonseca unha exposición sobre o legado científico das Forzas Armadas en Galicia

Abre no Colexio de Fonseca unha exposición sobre o legado científico das Forzas Armadas en Galicia

Composta por preto de cen paneis, descríbense nela tanto persoeiros coma institucións militares que no transcurso do tempo deixaron pegada científica en Galicia

Logo de expoñerse este verán no Liceo Casino de Pontevedra e no Museo Militar da Coruña, o equipo de traballo en Historia da Ciencia da USC, coordinado polo profesor José Ángel Docobo Durántez, trae a Santiago a exposición ‘O legado científico das Forzas Armadas en Galicia e dos galegos pertencentes as Forzas Armadas’. A mostra pode visitarse no Claustro Alto do Colexio de Fonseca ata o próximo 30 de outubro no horario habitual da Biblioteca Xeral.


Composta por preto de cen paneis, descríbense nela tanto persoeiros coma institucións militares que no transcurso do tempo deixaron pegada científica en Galicia. Xunto co profesor Docobo, son xestores da exposición o profesor de Historia da Ciencia Fernando Ponte Hernando, o doutor Iván Fernández Peréz, o investigador Pedro Pablo Campo Díaz e o experto en divulgación científica José Ramón González Romay.


Algún dos nomes e personaxes que aparecen recollidos nesta mostra xa están esquecidos polo gran público, segundo indican os membros do grupo de Historia da Ciencia da USC. Co obxecto de mitigar este esquecemento os promotores da iniciativa colectan na mostra as achegas feitas tanto dende o Exército como dende a Mariña española en ámbitos tan diversos como as Matemáticas, Astronomía, Química, Navegación, Mecánica, Veterinaria ou a Medicina. Neste mesmo senso, a mostra lembra institucións do pasado como a Academia de Gardas Mariñas de Ferrol, a Escola Naval Flotante, a ETEA, así como outras do presente como a Escola Naval Militar de Marín.


Deste xeito, a exposición comeza abordando o problema da determinación da lonxitude en alta mar e relembrando as achegas de Juan de Nova, dos irmáns Gonzalo e Bartolomé García de Nodal, Pedro Sarmiento de Gamboa, Francisco de Seijas y Lobera ou de Francisco Antonio Mourelle de la Rúa. O percorrido continua pola Escola Naval Militar, o taller de instrumentos náuticos de Ferrol, a Escola Naval Flotante ou polo Real Instituto de Observatorio da Armada. 

Tamén presta atención aos mapas topográficos nacionais ou aos antecedentes deste tipo de documentos en España e á Comisión de Límites derivada do Tratado de San Idefonso. Outras figuras postas novamente de actualidade nos preto de medio cento de paneis que conforman a mostra son Antonio Casares Gil, Mariano Gómez Ulla ou Juan Rof Codina, entre moitos outros. A proposta foi valorada positivamente na convocatoria do Ministerio de Defensa correspondente a Cultura en Defensa 2018.

Comentarios