Éxito de participación no concurso audiovisual Explícoche Matemáticas 2.0

Éxito de participación no concurso audiovisual Explícoche Matemáticas 2.0

Estudantes de Matemáticas da USC e dos IES Lamas de Abade (Santiago) e Escolas Proval (Nigrán) gañan esta sétima edición

Vídeos curtos en galego sobre calquera cuestión relacionada coas matemáticas. Ese é o requisito do concurso Explícoche Matemáticas 2.0 da USC, que xa vai pola sétima edición cada vez con maior éxito de participación e que acaba de resolver os gañadores de entre os 35 traballos presentados -6 na sección de universidade e 29 na de ensino secundario-.

Na categoría de 2º ciclo da ESO, bacharelato e Formación Profesional o premio foi para o vídeo Como calcular o tamaño da terra, de Aarón Vilariño Folgueiras, alumno de 4º da ESO do IES Lamas de Abade.

Xa na categoría de Universidade, os gañadores foron Diagramas de Voronói, de María Navarro Martínez e Iria Lago Portela, alumnas de grao de Matemáticas da USC e O problema do camiño máis rápido: a cicloide, de Jesús Conde Lago, alumno de doutoramento en Matemáticas da USC. Nesta última moxalidade de alumnado de mestrado ou doutoramento, o xurado acordou conceder un accésit ao vídeo O teorema da pizza, de Brais Prieto Moure, alumno de doutoramento en Ciencias da Comunicación da USC.

Por último, o vídeo mellor valorado polos internautas foi Buscando aproximacións do número Pi mediante o método de Arquímedes, de Clara Rey Barona e Laura Álvarez Barbosa, alumnas de 4º da ESO do IES Escolas Proval.

Comentarios