Galicia terá 12 festivos durante o 2019

Galicia terá 12 festivos durante o 2019

A normativa estatal establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello

O Consello da Xunta aprobou onte o Decreto que fixa o calendario laboral para 2019. Galicia terá como festivos propios o próximo ano os días 17 de maio, Días das Letras Galegas; o 19 de marzo, San Xosé; e o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia. 

A normativa estatal establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. 

Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (19 de abril en 2019), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2019 hai un só festivo nacional que coincide en domingo: o 8 de decembro, Inmaculada Concepción, que se substituirá polo 19 de marzo (San Xosé).

Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo, como ocorre en 2019; o Xoves Santo (o 18 de abril en 2019), que Galicia non cambia tradicionalmente; e dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo, que na nosa Comunidade sempre se fixa o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia. 

O 6 de xaneiro, ao caer en domingo, substitúese polo 17 de maio, o Día das Letras Galegas. O Goberno galego considera que esta xornada ten que seguir sendo festiva pola súa importancia para a cultura galega, por tratarse dunha festa de carácter cultural e polo seu significado.

Unha vez aprobados os festivos de carácter autonómico, cada concello galego deberá establecer os seus dous días festivos locais. Para iso será necesario a súa aprobación polos plenos das administracións locais.

Comentarios