Ribeira albergará unha escola de taekwondo dirixida a persoas con diversidade funcional

Ribeira albergará unha escola de taekwondo dirixida a persoas con diversidade funcional

O acto de onte serviu tamén para ofrecer datos do XVIII Campionato Internacional Cidade de Riveira, que se celebrará esta fin de semana

O club Natural Sport de Riveira contará cunha escola deportiva dirixida ás persoas con diversidade funcional denominada Álex Vidal.

Así se anunciou durante a presentación esta mañá das Escolas Deportivas que se van celebrar dende finais de outubro como froito da liña de colaboración público-privada entre o Concello e este club: un acto ao que acudiron o alcalde Manuel Ruiz, o presidente de Natural Sport José Francisco Agrelo; o adestrador Juan Luis Martínez; e o propio Álex, catro veces campión do mundo de parataekwondo.

A falla de concretar certos detalles, a escola Álex Vidal, pioneira en España, contará con dúas especialidades: unha de combate e a outra de pumses, esta última orientada a persoas con discapacidade psíquica. Vidal declarouse moi contento de poder devolver parte do que o deporte do taekwondo lle está a dar.

Tocante ás escolas deportivas xa activadas, celebraranse no ximnasio do Natural Sport, habendo unha escola infantil (para nados de 2013 a 2012 e outra de 2011 a 2007) e outra de cross combat para adultos.

Certame de taekwondo

O acto de onte serviu tamén para ofrecer datos do XVIII Campionato Internacional Cidade de Riveira, que se celebrará esta fin de semana (días 13 e 14) no complexo polideportivo da Fieiteira.

Trátase dun campionato con clasificación RG3 (máxima clasificación de puntuación a que pode optar un club cara o ranking galego) que nesta convocatoria contará cunha participación de 500 deportistas nas categorías de combate (infantil, precadete, cadete, junior, absoluto e master) e outros 200 en técnica (técnica, freestyle e exhibición). Acudirán clubs de Portugal, a selección autonómica de Madrid e clubs de Asturias, Zamora, País Vasco ou Alacante.

O sábado terá lugar o campionato de combate (horarios: de 9 a14 horas serán as categorías infantil, precadete, absoluto e máster e de 16 a 21 horas os cadete e junior) e o domingo o campionato de técnica (de 9 a 14 horas).

Juan Luis Martínez estimou nunhas 2.000 persoas as que convocará este certame entre organizadores, deportistas e público, cos beneficios que isto conleva para a hostalería e aloxamentos locais.

Comentarios