Condenan a un médico por acceder a un historial clínico sen consentimento

Condenan a un médico por acceder a un historial clínico sen consentimento

Os maxistrados consideran acreditado que o procesado accedeu os días 23 e 29 de xuño de 2011 á historia clínica electrónica da vítima “coa intención de coñecer o seu estado de saúde"

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a un médico do Sergas como autor dun delito contra a intimidade a dous anos e sete meses de cárcere e a inhabilitación para o exercicio da súa profesión durante seis anos, así como ao pago dunha indemnización de 1.500 euros.

Os maxistrados consideran acreditado que o procesado accedeu os días 23 e 29 de xuño de 2011 á historia clínica electrónica da vítima “coa intención de coñecer o seu estado de saúde, en concreto, a existencia dun parte de baixa por incapacidade temporal laboral”. A actuación produciuse “sen que existise razón asistencial algunha e sen consentimento nin coñecemento do afectado”.

O tribunal, con todo, solicita na sentenza ao Goberno a tramitación do indulto para o condenado, pois argumenta que os accesos sancionados producíronse en “datas afastadas, non constando que o prexudicado sufrise outra afectación que a referida ao delito cometido”. Os maxistrados tamén destacan que a conduta axuizada “atópase no rango inferior do estándar de gravidade” que marca a lei neste tipo de casos.

Comentarios