A recuperación dos lavadoiros deteriorados de Laraño figurará na axenda do BNG para o próximo Pleno

A recuperación dos lavadoiros deteriorados de Laraño figurará na axenda do BNG para o próximo Pleno

A veciñanza presentara a proposta nos Orzamentos Participativos de 2017 entendendo que as administracións públicas son responsábeis do coidado e mantemento deste patrimonio etnográfico e cultural.

O grupo municipal do BNG solicitará no vindeiro Pleno a rehabilitación e recuperación de lavadoiros na parroquia de Laraño, concretamente no lugar de Lamas e xunto a igrexa.

A veciñanza de Laraño trasladou a necesidade do arranxo de dous lavadoiros nesta mesma parroquia. Un deles atópase en Lamas e ten a estrutura da cuberta en mal estado, con moitas tellas soltas que poden caer en canto chegue o inverno.

O outro lavadoiro que tamén está nunhas pésimas condicións atópase no muro norte que enmarca o terreo da igrexa. Este ten filtracións de auga provocando que o chan de arredor se volva intransitábel para as persoas.

As veciñas e veciños de Laraño xa hai dous anos que demandaron o arranxo destes lavadoiros e mesmo presentaron a proposta nos Orzamentos Participativos de 2017. As fontes e lavadoiros teñen, na actualidade, un valor fundamentalmente etnográfico e as administracións públicas son responsábeis do coidado e mantemento deste patrimonio cultural galego.

Comentarios