Acto de homenaxe a Nuria Rábano, subcampioa do Mundial coa selección sub 20, organizado polo Concello de Ames e o Milladoiro SD

Acto de homenaxe a Nuria Rábano, subcampioa do Mundial coa selección sub 20, organizado polo Concello de Ames e o Milladoiro SD

Este domingo, 7 de outubro, o Concello de Ames e mailo Milladoiro SD realizáronlle un acto de homenaxe a Nuria Rábano, campioa de Europa coa selección de fútbol feminino sub 19, en 2017, e subcampioa no Mundial sub 20 no pasado mes de agosto deste ano. A xogadora amesá realizou o saque de honra previo ao partido Milladoiro – Urdilde, da categoría de segunda autonómica. O Concello de Ames entregoulle unha placa e o Milladoiro SD unha camiseta do equipo e unha insignia de prata.

A xogadora amesá, Nuria Rábano, está facendo historia coa selección española feminina. En 2017 proclamouse campioa de Europa coa selección de fútbol feminino sub 19. Nuria Rábano, formou parte dese equipo, aínda que tivo o infortunio de lesionarse no segundo encontro da fase de grupos, polo que non puido disputar os tres últimos partidos da fase final do Europeo. Para Nuria Rábano foi a súa primeira fase final dunha Eurocopa. Ademais, durante o mes de agosto deste ano, Nuria Rábano, xunto co resto de compañeiras da selección española feminina de fútbol quedou subcampioa do Mundial sub 20. Foi a primeira vez que a selección española xogou un mundial nesta competición.

Debido aos últimos éxitos de Nuria Rábano, o Concello de Ames e mailo Milladoiro SD realizáronlle un acto de homenaxe este domingo, 7 de outubro, no campo de fútbol municipal do Milladoiro. En dito acto participaron o alcalde e concelleiro de Deportes, Jose Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o técnico municipal do departamento de Deportes, Alberto Viaño, o presidente do Milladoiro SD, Vicente “Checho” González, así como outros/as membros da directiva de dito club.

A xogadora amesá realizou o saque de honra previo ao partido Milladoiro – Urdilde, da categoría de segunda autonómica, que rematou con empate a dous goles. Nuría Rábano ensinoulle aos presentes a medalla de ouro da Eurocopa e a medalla de prata do Mundial. O Concello de Ames entregoulle unha placa e o Milladoiro SD unha camiseta do equipo e unha insignia de prata ademais dun ramo de flores.

Nuria Rábano comezou a xogar con 4 anos, cando era prebenxamín, no Milladoiro SD. Estivo neste club ata os 16 anos. Posteriormente, xogou un ano no Atlético Arousana, pasando do club de Vilagarcía ao Real Club Deportivo da Coruña SAD, onde milita na actualidade. Esta é a terceira temporada de Nuria no club coruñés. Aos seus 19 anos, Nuria, que recibiu o premio á deportista máis destacada do 2017 do Concello de Ames, é xa un referente nas convocatorias a nivel nacional e segue a medrar como futbolista nas filas do club herculino.

Comentarios