O concello de Ames abre a inscrición para participar no conto-obradoiro “A casa encantada de Alí”

O concello de Ames abre a inscrición para participar no conto-obradoiro “A casa encantada de Alí”

Luis Prego e Fabaloba chegan a Ames o vindeiro 17 de outubro da man do programa Apego, co seu conto-obradoiro “A casa encantada de Alí”. Nesta actividade unha vintena de familias con nenos e nenas de entre 0 e 6 anos poderán cantar, contar e xogar co resto de familias ao tempo que coñecen ferramentas para compartir xogos e ilusións coas crianzas.

O vindeiro mércores, 17 de outubro, o músico e divulgador musical, Luís Prego, e Fabaloba, a empresa que se atopa detrás do portal “Alí, recursos en galego para a educación” chegan ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns co espectáculo A casa encantada de Alí. Un conto-obradoiro que conxuga conto narrado, música e un Kamishibai, co que os nenos e nenas poderán trasladarse á casa encantada de Alí.

Así, a partir das 18.00 horas, unha vintena de familias con nenos e nenas de entre 0 e 6 anos poderán gozar da aventura de Alicia que, unha noitiña, chega á nova casa que dende ese momento se converterá no seu fogar. Un fogar no que é posible espertar con cancións, e no que a cada paso descubrirá novas sorpresas. Así, xunto a Alí, as nenas e nenos que se acheguen a vivir con ela esta aventura, compartirán xunto as súas familias, unha morea de xogos e ilusións.

Para rematar, os adultos poderán asistir a unha pequena presentación do portal “Alí, recursos en galego para a educación” de Fabaloba, durante o que os pais e nais, xunto cos cativos/as, poderán probar todo o material.

Para participar nesta actividade é necesario inscribirse antes do 16 de outubro, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que debe figurar o nome e idade dos participantes, así como un teléfono de contacto. Os interesados en recibir máis información poderán chamar teléfono 662 377 215.

Comentarios