A Xunta, a petición da valedora, tramitará por vía de urxencia a valoración da discapacidade en maiores de 90 anos aínda que inicien os trámites antes de cumprilos

A Xunta, a petición da valedora, tramitará por vía de urxencia a valoración da discapacidade en maiores de 90 anos aínda que inicien os trámites antes de cumprilos

A administración comprometeuse a adaptar o procedemento para a valoración e revisión do grao de discapacidade para tramitar por vía de urxencia estas solicitudes.

As solicitudes de valoración ou revisión do grao de discapacidade que afecten a persoas de máis de 90 anos poderanse tramitar por vía de urxencia, grazas á recomendación realizada ao respecto pola institución do Valedor do Pobo. A Xunta de Galicia vén de aceptar as indicacións da valedora no marco dunha queixa centrada no excesivo atraso da revisión da discapacidade dunha persoa nonaxenaria. A Consellería de Política Social comprometeuse a incorporar como motivo para a tramitación urxente a idade superior aos 90 anos dos solicitantes, independentemente de que no momento de iniciar o trámite non os tiveran cumpridos. 

A recomendación permitiu concluír una queixa tramitada pola valedora do pobo. Estivo motivada polo retraso na revisión do grao de discapacidade dunha persoa con máis de 90 anos. Pediuse á Consellería de Política Social que con urxencia corrixira a interpretación que viña facendo das causas para tramitacións preferentes reguladas na Orde do 25 de novembro de 2015. A idea é que se incorporen progresivamente á lista de persoas con preferencia todos os maiores de 90 anos, aínda que solicitaran a valoración antes de ter esa idade. 

A Consellería de Política Social respondeu á resolución sinalando que acepta o recomendado e que o seu novo modelo de xestión das citas incorporará á lista de tramitacións urxentes as persoas de mais de 90 anos que solicitaran a valoración antes de cumprilos. 

A medida terá unha gran importancia para os moitos casos de retrasos nas valoracións de discapacidade, algo que afecta de forma moi singular ás persoas de moi avanzada idade. A recomendación súmase ao inxente traballo desenvolvido desde a valedoría nos últimos anos para acelerar as valoracións de discapacidade, que propiciou numerosas recomendacións aceptadas polo departamento da Xunta. 

Entre outras medidas, en parte grazas á intervención do Valedor do Pobo, conseguiuse reforzar o persoal dos equipos de valoración; instaurar sistemas de confirmación e substitución das citas; o recoñecemento da discapacidade do 33% ás persoas con pensión de incapacidade permanente (en grao total, absoluta ou grande invalidez); simplificar as solicitudes e a documentación requirida ou estender o acceso á Historia Social Única Electrónica. Ademais xa se está a dar prioridade na valoración da discapacidade a persoas con ELA, ataxias rapidamente progresivas, distrofias musculares e escleroses múltiples de evolución rápida, enfermidades metabólicas con trastornos motores e as neoplaxias en estadio IV. Esta valoración prioritaria poderá estenderse a outras patoloxías de xeito gradual. 

A aplicación destas medidas permitiu á valedoría tramitar queixas con maior dilixencia con resultados que permiten adiantar as citas de valoración con atención á prioridade das circunstancias. 

Comentarios