Frases clave do discurso de Feijóo no Debate de Autonomía

Frases clave do discurso de Feijóo no Debate de Autonomía

Analizamos as principais afirmacións do Presidente da Xunta durante a intervención que abriu a sesión no Parlamento de Galicia

"Galicia crea emprego, 55.000 novos ocupados nos últimos tres anos, pero mantemos o obxectivo de chegar aos 80.000-100.000 en 2020"

Unha das primeiras cifras que deixou Feijoo no seu discurso foi sobre o emprego. O presidente da Xunta asegurou que en Galicia creáronse 55.000 postos de traballo nos últimos cinco anos. Atendendo os datos da Enquisa de Poboación Activa, publicados trimestralmente, a cifra de ocupación aumentou en algo máis de 60.000 persoas.

  • "Galicia exporta e innova máis que nunca. 2017 foi o ano con máis exportacións da historia de Galicia, ata acadar o 35,6% do PIB"

2017 foi histórico para a comunidade galega, ao bater o seu récord de exportacións. A saída de produtos ao exterior aumentou un 8,2% respecto ao 2016, unhas décimas inferiores á media estatal, que se situou no 8,9%.

"Galicia é máis inclusiva, cunha taxa de pobreza (18,7%) que é máis baixa que en España e en Europa"

A taxa de pobreza está por baixo da media nacional e comunitaria, aínda que ocupa un lugar intermedio entre o resto de comunidades autónomas, sitúandose no décimo chanzo. Ademais, o índice foi inferior en 2014, por exemplo, cando alcanzaba ao 15,4 % da poboación. Dende entón, a taxa aumentou en catro puntos.

"Hoxe na Sanidade pública traballan 1.544 profesionais máis que en 2008"

Segundo os informes semestrais do Ministerio de Facenda, o número de profesionais no Sergas aumentou en 1.368 persoas (datos de xaneiro). O número de efectivos no Servizo Galego de Saúde apenas variou co Partido Popular na Xunta, logo de sufrir un severo descenso ata o 2014 e, a partir dese ano, recuperar máis de de 1.500 empregados.

"Galicia é máis sustentable e as emisións de CO2 diminuíron de xeito notable: un 20% menos desde 2005"

As industrias galegas seguen lonxe de alcanzar os obxectivos asinados no Acordo de París de 2015 e as negociacións do cume de Marrakech do ano seguinte. Segundo os informes do Observatorio para a Sustentabilidade, elaborados a partir dos datos do ministerio de Transición Enerxética no rexistro de emisións PRTR, as fontes fixas da comunidade emitiron no 2016 algo máis de 14 millóns de toneladas de CO2, principal responsable do efecto invernadoiro. Desde o Observatorio advirten de que o pronunciado descenso no 2010 foi consecuencia da crise económica que lastrou o consumo.

 "En 2017, Galicia logrou baixar o seu endebedamento en relación ao PIB. Este ano volverémolo a facer"

A Xunta rebaixou a súa débeda respecto ao Produto Interior Bruto, ademais de facelo mentres a evolución do indicador a nivel estatal disparábase ata superar o 100 % do PIB nacional. No medio dun contexto económico adverso, Galicia non foi capaz de conter o incremento da súa débeda, que no primeiro trimestre do 2009, o primeiro de Núñez Feijoo en Monte Pío, representaba o 6,7 %. A débeda galega triplicouse respecto ao PIB nun prazo de cinco anos, alcanzando o seu máximo nos primeiros meses do 2017, cun 19,7 %. Desde entón experimenta unha baixada progresiva, salvo polo primeiro trimestre do 2018, e sitúase hoxe no 18,6 %.

Comentarios