O Festival Internacional Galicreques programa 23 compañías de sete países co apoio da Xunta de Galicia

O Festival Internacional Galicreques programa 23 compañías de sete países co apoio da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia volve apoiar economicamente o labor de difusión do teatro de monicreques que leva a cabo este evento, adxudicatario dunha das subvencións da convocatoria da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional

O Festival Internacional Galicreques adiantou onte a carteleira completa da súa 23ª edición, que do 13 ao 21 de outubro programará en Santiago de Compostela máis de 50 funcións a cargo de 23 compañías de sete países. A Xunta de Galicia volve apoiar economicamente o labor de difusión do teatro de monicreques que leva a cabo este evento, adxudicatario dunha das subvencións da convocatoria da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional.

Jacobo Sutil, director da Agadic, participou nesta presentación xunto a Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, e Jorge Rey, director artístico do festival que organiza cada ano a Asociación Cultural Barriga Verde. Na súa intervención, fixo fincapé nas máis de dúas décadas de traxectoria de Galicreques a prol do fomento e dignificación do xénero dos monicreques mediante unha programación que achega a Galicia “formatos, estilos e profesionais de todo o mundo, ao tempo que explora as posibilidades do teatro de bonecos cara ao público adulto”.

Sutil sinalou, así mesmo, que a través da axuda autonómica de preto de 26.500 euros da que o festival foi adxudicatario este ano, a Xunta “revalida a súa aposta” por Galicreques cos obxectivos de “favorecer a consolidación e a xestión profesional deste evento, coa súa conseguinte repercusión na dinamización cultural e económica da súa área; colaborar co intercambio artístico entre distintas técnicas e procedencias, así como coas actividades divulgativas que se inclúen, e apoiar os seus efectos para a creación e mantemento de novos públicos”, detallou.

A 23ª edición do festival ofrecerá tres estreas absolutas (Viaje a un país de..., coprodución de Títeres Cachirulo, Tres Tigres Teatro e Chachakün; Cantamos?, de Luis Vallecillo, e Home, de Mazzú Teatro), ademais 13 espectáculos que se presentan por vez primeira en España.

Xornada de Clausura no Salón Teatro

Así mesmo e como novidade este ano, a programación espallarase por toda a cidade coa incorporación de novos escenarios aos xa habituais da Fundación SGAE, Teatro Principal e Centro Sociocultural de Santa Marta. En 2018 serán tamén espazos de exhibición outros seis centros socioculturais composteláns e a sede do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro, neste último caso para acoller o domingo 21 a xornada de clausura coa compañía mexicana Mano y Contramano e a montaxe El osos que no lo era. En canto aos espectáculos de rúa, haberá representacións nas prazas Roxa e das Praterías e na Alameda, que un ano máis acollerá a Carpa do Galicreques.

O programa de 2018 inclúe 23 compañías, das cales seis son galegas (Títeres Cachirulo, Títeres Brincadeira, Luís Vallecillo, Os Monicreques de Kukas, Fantoches Baj e Art-Monium). Do resto de España, chegarán compañías de Madrid (Mazzú Teatro), Valencia (Xarop Teatre) e Aragón (Teatro de Medianoche e Teatro Arbolé), mentres que do panorama internacional, Galicreques contará con formacións de Arxentina (Chachakün, Tres Tigres Teatro, Ulularia Teatro), Brasil (Sobrevento), Colombia (Arlequín y los Juglares), Ecuador (Titiritainas), México (Mano y Contramano), e Venezuela (La Pareja). 

Comentarios