Denuncian a demora na reparación do muro da rúa París, nas Fontiñas

Denuncian a demora na reparación do muro da rúa París, nas Fontiñas

A pesar de ter anunciado a adxudicación e inicio das obras no mes de xaneiro, aínda non se dispón do proxecto de reparación que foi contratado a finais do pasado mes de setembro

Desde finais de 2017, o muro de contención situado na confluencia das rúas París e Luxemburgo, no barrio das Fontiñas, permanece apuntalado debido ao seu desprazamento e a beirarrúa mantense valada ata o día de hoxe.

O Grupo Municipal Popular manifesta que "é sorprendente que, a pesar dos risco para a seguridade das persoas –tanto pola potencial ameaza de derrubo, como pola prolongada restrición do paso peonil- e dos acordos plenarios unánimes aprobados para actuar no afirmado dos muros de toda a urbanización (en maio de 2017) e de forma específica neste caso da rúa París (en xullo de 2018), apenas se teñen dado pasos concretos para este fin".

Por parte do Goberno de Martiño Noriega, anunciouse no mes de xaneiro que se estaba a realizar un estudo técnico detallado dos muros de todo o barrio e que no prazo de un mes e medio se coñecería o resultado dese traballo. Van alá nove meses e do estudo e dos seus resultados, nada se sabe.

No tocante á reparación do muro da rúa París, o concelleiro encargado de obras afirmaba tamén a principios de ano que a obra xa fora adxudicada e que a reparación se acometería ao longo dos próximos días por parte da empresa Oviga, que xa tiña sinalizada a zona por seguridade.

Neste caso, o Goberno de Compostela Aberta faltou claramente á verdade, porque a obra aínda hoxe non foi adxudicada, nin sequera existía o proxecto, porque no pasado mes de setembro aínda se aprobou a contratación mediante un contrato menor a redacción do proxecto de reparación do muro, cun custo próximo aos 10.000 euros e un prazo de realización de dous meses, polo que probablemente a licitación, adxudicación e execución das obras non se poderá realizar ata o ano 2019 e con toda seguridade baixo o mandato dun novo Goberno.

O Grupo Municipal Popular lamenta a "escasa consideración que ante esta situación de inseguridade mostra o Goberno Municipal", que ao longo do ano transcorrido podería ter activado mecanismos de urxencia para actuar con maior celeridade e lembra que a situación da esquina entre as rúas París e Luxemburgo non é un caso illado. En maio de 2017 cedeu un muro na rúa Moscova –onde, por certo, o Concello actuou en poucos días- e no pasado mes de abril os bombeiros deberon proceder ao valado doutra zona e, na actualidade, realizando un simple percorrido polas proximidades e a simple vista, pódese observar algún outro perpiaño de contención desprazado, como acontece na rúa Bruxelas.

Todas estas circunstancias deberían ser motivos suficientes para urxir, tanto o inicio de obras de emerxencia neses lugares xa constatados, como o remate do estudo para a detección doutras patoloxías que puideran detectarse nunha análise máis exhaustiva.

Comentarios