Adxudicada a instalación da nova sinalización do rural

Adxudicada a instalación da nova sinalización do rural

A proposta de instalación da nova sinalización obtera pouco orzamento dentro do proceso Compostela Decide, 20.000 euros, e o Goberno decidiu completar a partida cunha achega a maiores

A Xunta de Goberno adxudicou o xoves o contrato para a instalación de nova sinalización vertical no ámbito rural de Compostela. Trátase dunha proposta xurdida ao abeiro dos Orzamentos Participativos Compostela Decide, á que se van destinar máis de 50.000 euros.

A tenenta de alcalde foi o xoves a encargada de dar conta das decisións da Xunta de Goberno. María Rozas salientou o acordo de adxudicación do contrato de deseño e subministro da nova sinaléctica da zona rural á empresa API Movilidad. Segundo apuntou, "non só se renovarán sinais xa existentes, senón que tamén se instalarán novos indicadores que non existen nas entradas e saídas das parroquias, e en recursos como os locais socioculturais". A proposta de instalación da nova sinalización obtera pouco orzamento dentro do proceso Compostela Decide, 20.000 euros, e o Goberno decidiu completar a partida cunha achega a maiores.

Axudas para as ARIS

A Xunta de Goberno do xoves tamén aprobou a distribución das subvencións do Estado e da Comunidade Autónoma para as Áreas de Rehabilitación Integral declaradas en Santiago. A contía total que percibirá o Concello será de 2.687.250 euros, dos que 1.969.722 euros correrán a cargo do Ministerio de Fomento e 717.528 euros serán a achega da Xunta de Galicia.

En canto á distribución das subvencións entre as diferentes ARIS, a da zona histórica recibirá 174.400 euros; a de Vista Alegre, 1.426.128 euros; e a dos grupos de Vivendas Compostela e Quiroga Palacios, 265.000 euros. Para a Área de Rehabilitación Integral de Vite resérvanse 821.722 euros, dos que algo máis de 121.000 serán para unha actuación de reurbanización que será completada con fondos propios do Concello de Santiago.

Outros acordos

Na reunión do xoves, o Goberno tamén aprobou inicialmente o proxecto de Regulamento do Consello Municipal de Accesibilidade, que deberá ser ratificado polo pleno. O texto foi posto en común nunha primeira reunión da Comisión de Accesibilidade celebrada o pasado 1 de outubro, na que participaron os represnetantes de todos os grupos municipais e máis das asociacións e entidades vinculadas coa accesibilidade.

Esta mañá tamén recibiu luz verde a programación de actividades da campaña de sensibilización do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A ela destinaranse 81.300 euros. 

Comentarios