Lousame saca a licitación do Servizo de Axuda no Fogar por 664.413.29 euros e 2 anos

Lousame saca a licitación do Servizo de Axuda no Fogar por 664.413.29 euros e 2 anos

Os concelleiros do BNG e do Partido da Terra non asistiron á sesión

O pleno municipal de Lousame aprobou, cos 6 votos a favor do grupo de Goberno e as 3 abstencións do PSOE, a saída a licitación do Servizo de Axuda no Fogar, na modalidade de dependencia. “Un servizo fundamental para a atención aos nosos maiores e dependentes no noso municipio”, explicou a alcaldesa Teresa Villaverde, e que sairá a próxima semana a licitación por procedemento aberto e por un prezo de 664.413,29 euros polos dous vindeiros anos.

A alcaldesa de Lousame apuntou que “o SAF de dependencia foi dos primeiros que sacamos a licitación e agora toca volvelo a sacar pois, ademais de rematarse o contrato, este ano temos 2.400 horas máis concedidas pola Xunta de Galicia”. Así mesmo, indicou que “intentaremos ir sacando a concurso todos os contratos, empezando polos de maior contía económica”.

Abstención

O voceiro socialista, Julio Paradela, xustificou a abstención do seu grupo en que “non nos gusta o sistema de puntuación, porque prima máis a parte económica, 60 puntos, que o servizo que se presta e pensamos que isto vai en detrimento do servizo”, ademais de criticar que “nas bases non se di que se teña que coller persoal de Lousame” e lamentar que se deixe de prestar este servizo directamente dende o Concello.

Teresa Villaverde explicou que “non é a privatización dun servizo porque dende que se implantou o SAF de dependencia sempre foi prestado por persoal alleo ao Concello”, ademais de puntualizar que “aínda que nos gustaría que o persoal fora todo de Lousame, non podemos poñer iso nas bases porque, simplemente, non sería legal”. Aínda así lembrou que “as actuais traballadoras teñen que ser subrogadas pola empresa adxudicataria, e a maioría son veciñas de Lousame”.

Sobre o criterio de valoración, Villaverde recordou que “é o mesmo co da Deputación, prímanse os criterios obxectivamente valorables, como é o prezo, sobre os subxectivos. É o que marca a normativa”. Unha vez aprobado polo pleno municipal, o expediente de contratación será publicado o próximo luns 15 de outubro no Perfil do Contratante do Concello de Lousame para dar inicio o procedemento de contratación.

Os concelleiros do BNG e do Partido da Terra non asistiron á sesión.

Comentarios