O Centro Xove da Almáciga inicia o curso con novas actividades para a mocidade de Compostela

O Centro Xove da Almáciga inicia o curso con novas actividades para a mocidade de Compostela

O Centro xove terá tamén un grupo de narración oral, unha formación pioneira en Galicia

Arranca a programación de actividades no Centro Xove da Almáciga, que contará con 11 grupos diferentes divididos en horarios de mañá e tarde e onde se combinan propostas do departamento de Mocidade, dos Orzamentos Participativos e do interese das persoas usuarias do Centro. Haberá un total de 310 prazas.

A edila de Mocidade, Noa Morales, deu conta esta semana das actividades que definiu como "unha programación diversa, formativa e enriquecedora, elaborada a partir das inquedanzas das persoas usuarias". A proposta conta con liñas tradicionais que funcionaron ben na pasada temporada, que se combina con novas actividades.

Así, haberá un obradoiro de guitarra "que ampliamos cun novo grupo ata crear tres diferentes", que virán acompañados de sesións maxistrais e jam sessions no propio espazo. As persoas que participan nesta proposta poderán organizar parte do seu horario, segundo os intereses do grupo, nun formato de curso moito máis dinámico.

O Centro xove terá tamén un grupo de narración oral, unha formación pioneira en Galicia, na que profesionais de recoñecida traxectoria traballarán cun grupo de persoas co fin de organizar, no mes de decembro, unha contada no propio espazo da Almáciga, que será gratuíto para o público.

Tal e como indicou Noa Morales, "mantemos tamén o programa Compostela en Escena, que este ano acolle as disciplinas de coro moderno e teatro, da man dos profesores Xabier Mera e Artur Trillo, que xa amosaron a súa capacidade para dinamizar o grupo o ano pasado". Amplíase a oferta cunha nova proposta de teatro, Teatreando, consistente nun laboratorio de teatro experimental para iniciarse nas artes escénicas.

Novas propostas

O Centro Xove está en permanente renovación, por iso se incorpora unha proposta de Urban Sketching, no que se elaborará un caderno de viaxe de Compostela partindo do barrio da Almáciga, poñendo en valor as súas tradicións e xentes, plasmando todo nun caderno de acuarela.

Tamén se ofrecerá o primeiro curso de Acroioga, combinando a disciplina do ioga coas acrobacias, "nunhas aulas que tiveron moita demanda entre as persoas que visitan o centro". Manterase o formato intensivo, cunha proposta de construción dunha cámara estenopeica, tipo cámara escura, coa que se inmortalizarán os mellores momentos das clases.

Orzamentos Participativos

O espazo da Almáciga sigue tamén de contedor para as propostas elixidas pola mocidade nos orzamentos participativos, como o programa Hortalíza-TE, Boas Noites, con espectáculos gratuitos nas noites dos venres de novembro, ou Jam de Barrio.

O prazo de inscrición estenderase ata o 12 de outubro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Deben facerse presencialmente no propio espazo, e terá preferencia a mocidade empadroada en Compostela. 

Comentarios
Lo más